Discurso de Miguel Anxo Fdez. Lores no acto institucional do Doce de Novembro de 2023
Pontevedra, 12 de novembro de 2023. Bos días, amigos, amigas familia, representantes institucionais, veciñas, veciñas.
Vémonos de novo neste espazo para facer memoria, para lembrar, homenaxear e traer de volta os ideais duns homes que Deron a súa vida por eles.
O 12 de novembro é unha data funesta, unha xornada marcada no calendario como o día no que dez homes bos e xenerosos foron asasinados polo fascismo cunhas balas cargadas de odio e sen razón.
Mais non os esquecemos. Pontevedra é unha cidade con memoria. Xa hai máis de dúas décadas que traballamos nesa idea, na idea de coidar o legado daqueles que non están. É un deber ético e político que non pode ser ocultado nin minimizado. Aforrar en memoria histórica é recortar en futuro, é faltarlle ao respecto aos nosos devanceiros, a aqueles que morreron para que nós puidésemos vivir en liberdade. Non morrerán as súas palabras nin os seus pensamentos, non morrerán namentres sigamos lembrando os seus nomes.
O fascismo é ladino. Ocúltase, sobrevive e ameaza con volver á mínima ocasión que albisca. Dicía Sánchez Ferlosio que «o fascismo consiste en non limitarse a facer política e pretender facer historia», un bo xeito de explicar que impón o seu relato ficticio, o seu discurso único, o seu odio.
O fascismo quitou non só vidas, quitou futuros; desmembrou almas e rabenou sociedades. O fascismo quitoulle ao mundo anos de progreso e avance, levounos seres queridos, familiares e amigos. Pero seguimos aquí.
Non daremos un paso atrás. Os dez homes asasinados aquel 12 de novembro perderon a posibilidade de seguir loitando, pero nunca lles chegou a derrota pois aquí estamos hoxe nós, aquí están as súas familias, aquí está o seu legado e a súa herdanza. Ninguén lembra o nome dos que dispararon, mais si sabemos os nomes que intentaron soterrar aquel día para, simplemente, soterrar unha semente que xerminou, semente de vencer.
Reunirnos aquí hoxe é unha obriga e unha débeda que temos para coas súas familias, que aínda cargan cunha dor que xa dura máis de 80 anos. Quixéronas desprestixiar, quixéronas silenciar, non lles permitiron chorar, non lles permitiron celebrar un funeral, roubáronlles bicos, apertas... tal foi o odio que nin flores nunha tumba puideron poñer.
Repito, e penso seguir repetindo con todas as miñas forzas, o Concello de Pontevedra nunca deixará de traballar á hora de loitar contra esa inxustiza, contra ese esquecemento e contra ese odio, estaremos sempre do lado das vítimas e do recoñecemento que se lles debe.
Hoxe volvemos pronunciar con orgullo e emoción os seus nomes, para que brillen na noite máis escura, como aquela longa noite de pedra que nos tocou vivir.
Hoxe lembramos os nomes dos médicos AMANCIO CAAMAÑO CIMADEVILA, TELMO BERNÁRDEZ SANTOMÉ e LUIS POZA PASTRANA.
Dos mestres PAULO NOVÁS SOUTO, GERMÁN ADRIO MAÑÁ e BENIGNO REY PAVÓN. Do editor RAMITO PAZ CARBAJAL
Do avogado JOSÉ ADRIO BARREIRO
Do xornalista VICTOR CASAS REY
E do capitán JUAN RICO GONZÁLEZ
Arrastra hoxe o vento o seu nome, resoan ecos do seu pasado, do seu legado e da historia silenciada. Seguiremos facendo memoria, seguiremos combatendo o silencio con verbas e con razón, coa lóxica aplastante da bondade fronte á barbarie.
Cómpre lembrar tamén a aqueles que non morreron, pero si sufriron a violencia e a inxustiza: as persoas que acabaron na cadea, as aldraxadas, as rapadas, as violadas, as castigadas, as perseguidas... a todas aquelas persoas que lograron sobrevivir para continuar loitando contra a inxustiza, arrastrando terríbeis cicatrices. A todas as familias enteiras que durante décadas padeceron humillación, dor e silencio. Hoxe tamén estamos con vós.
O fascismo non puido acabar coa obra destes dez homes. Quizais a freou, pero non logrou parar o avance, o progreso, a fonda paixón que senteimos pola defensa do noso país, unha Galiza orgullosa, unha Galiza libre que coida da súa xente, que está na vangarda, que avanza, que aínda conta con lingua de seu para falar do pasado, do presente e do futuro.
Pontevedra é hoxe unha cidade libre, unha cidade que ten en conta aos que morreron para que así sexa. Viviremos por eles, polos seus soños e polos nosos. Grazas