Pontevedra presenta un protocolo pioneiro contra as agresións sexuais na hostalaría nocturna da cidade

Diversión asegurada
Diversión asegurada
Pontevedra presenta un protocolo pioneiro contra as agresións sexuais na hostalaría nocturna da cidade

Pontevedra, 11 de setembro de 2025. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou un protocolo de lecer nocturno destinado a combater as agresións sexuais e garantir espazos seguros na cidade. A iniciativa, na que xa veñen participando 13 establecementos e tres festivais, busca dotar de ferramentas ás e aos profesionais da hostalaría para actuar ante posibles agresións e asegurar que as mulleres teñan “espazos seguros”. 

Gulías quixo agradecer ao Soulbeer, “un dos locais máis emblemáticos da cidade”, por ser un dos primeiros en adherirse a este protocolo. A concelleira destacou a importancia de facilitar, dunha banda, “ferramentas aos propietarios e propietarias dos locais para que poidan actuar perante unha posible agresión sexual” e, doutra banda, que as mulleres “saibamos que cando estamos nun destes locais as persoas que están detrás da barra teñen a formación, saben como actuar”. 

Nesta primeira rolda, xa se sumaron 13 locais e tres festivais, demostrando o seu “compromiso co feminismo”. Os establecementos nomeados son: Soulbeer, El Toro, La Gramola, Pincho Viño, Carallo 29, UFO, La Pomada, O Grifón, Chester, Bruc, Sala Zénet, La Pipa e La Verbena. A eles engádense os festivais do Orgullo, o Río Verbena e o Senda Fest. 

O protocolo inclúe non só un manual e dípticos informativos, senón tamén xornadas formativas. As sesións en liña xa están gravadas e dispoñibles para todos os propietarios e propietarias, e celebrarase unha xornada de formación presencial o vindeiro 13 de outubro, ás 11:30 horas, no CIM. 

Gulías subliñou que “Pontevedra é unha cidade feminista”, e que a súa hostalaría é “unha hostalaría feminista”, que “está en contra de calquera tipo de violencia machista”. A concelleira rematou afirmando o compromiso de “manter os agresores fóra da nosa cidade” e lograr esa seguridade que entre todas ímola conseguir”. 

Pontevedra presenta un protocolo pioneiro contra as agresións sexuais na hostalaría nocturna da cidade