Pontevedra estuda sumarse ao programa "Modo galego, actívao!"

Demetrio Gómez
Demetrio Gómez
Pontevedra estuda sumarse ao programa "Modo galego, actívao!"

Neste xoves, 11 de setembro, o edil de Normalización lingüística, Demetrio Gómez, participou nunha xornada de traballo sobre o programa ‘Modo Galego, actívao!’ no auditorio do edificio multiúsos do Concello de Rois, dirixida a todos os concellos socios de Alingua. 

Tal e como se informa desde a área de Normalización, no mes de maio, a Directiva de Alingua mantivo unha xuntanza coa Real Academia Galega co obxectivo de explorar novas vías de colaboración. Froito dese encontro, acordouse a sinatura dun convenio entre a RAG e Alingua para facilitar a implementación do programa de dinamización lingüística ‘Modo galego, actívao!’ nos concellos integrantes da asociación Alingua que así o desexen. 

A xornada de hoxe é unha oportunidade para coñecer en detalle a proposta e resolver dúbidas sobre a súa implementación práctica. Contouse coa participación do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, cos membros do equipo técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG que traballaron na posta en marcha do proxecto en Ames, Xaquín Loredo e Gabino Vázquez; e mais de Blas García Piñeiro, alcalde de Ames, e Rosa Moreiras, técnica de normalización lingüística dese concello, quen compartiron a súa experiencia directa como parte do equipo que desenvolveu o programa no seu municipio. 

O programa Modo galego, actívao! propón unha acción coordinada e próxima para promover o uso do galego a través de mensaxes positivas, implicación social e accións adaptadas á realidade local. O obxectivo da xornada de traballo é coñecer polo miúdo o programa, resolver dúbidas e valorar a metodoloxía para que os concellos poidan poñer en marcha este programa. 

Pontevedra estuda sumarse ao programa "Modo galego, actívao!"