O Concello de Pontevedra aumenta o investimento para o contrato do servizo de axuda no fogar en 600.000 euros

Eva Vilaverde
Eva Vilaverde
O Concello de Pontevedra aumenta o investimento para o contrato do servizo de axuda no fogar en 600.000 euros

Pontevedra, 11 de setembro de 2025. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta da modificación do contrato do servizo de axuda no fogar, xestionado pola empresa Idades. Vilaverde destacou que esta modificación, que implica unha suba total do 20 % do investimento para este contrato -o máximo permitido pola lei- responde a unha necesidade imperante. 

“Esta ampliación realízase porque temos solicitudes de máis usuarios e temos autorización para poder dar máis horas”, afirmou. Con esta modificación, as horas anuais de servizo aumentan de 154.600 a 183.012 horas, o que supón un incremento de 600.000 € ao ano. O orzamento anual para este servizo básico e imprescindible pasa así de 3 millóns a 3.600.000 €. 

Mantemento dos edificios administrativos

Na Xunta de Goberno tamén se deu luz verde ao expediente de contratación para o mantemento integral dos edificios administrativos centrais, incluíndo a Casa do Concello, Michelena 30, a Casa da Luz, o Arquivo Municipal, o Chalé de Fontoira e a Oficina de Ferreiros. “O que pretendemos é facer un mantemento integral de todos os edificios que resulta máis eficaz e eficiente en custos con respecto a facelo por separado”, indicou Vilaverde. O orzamento para este contrato é de 481.626,05 €, cunha previsión anual de arredor de 160.000 €. 

Eurotaxis

No ámbito da mobilidade e a accesibilidade, aprobouse a convocatoria de subvencións para a adquisición de eurotaxis, vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida. O obxectivo é fomentar que os titulares de licenzas de taxi adapten os seus vehículos, financiando custos de adquisición de novos vehículos ou adaptacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2025. A contía máxima subvencionable é de 10.000 € por persoa e vehículo, sen superar o 50 % do custo de compra. O montante total destas subvencións ascende a 60.000 €. 

Residencia pública da Eiriña

Por último, a Tenente de Alcalde destacou a concesión da licenza de primeira ocupación definitiva á Residencia Pública da Eiriña. “Unha vez recibida a documentación completa e correcta, e cumpridos os requisitos esixidos pola normativa, deuse licenza de primeira ocupación en 9 días dende que presentaron e cumpriron todos os requisitos”, salientou Vilaverde, quen eloxiou a dilixencia do departamento de urbanismo. A residencia poderá abrir as súas portas no momento que o desexe, mediante comunicación previa. 

Vilaverde rematou a súa intervención agradecendo o traballo dos departamentos implicados e reafirmando o compromiso do Goberno Local coa xestión eficaz e transparente dos recursos públicos en beneficio da cidadanía de Pontevedra. 

O Concello de Pontevedra aumenta o investimento para o contrato do servizo de axuda no fogar en 600.000 euros