Pontevedra porá en marcha a súa rede de aseos inclusivos con dous proxectos piloto, no Mercado e na Praza do Concello

Anabel Gulías- aseos inclusivos
Anabel Gulías- aseos inclusivos
Pontevedra porá en marcha a súa rede de aseos inclusivos con dous proxectos piloto, no Mercado e na Praza do Concello

Pontevedra, 22 de outubro de 2025. A Concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou o inicio do proceso de contratación da rede de aseos inclusivos que o Concello de Pontevedra desenvolverá proximamente. 

Gulías explicou que a estratexia adoptada polo goberno local céntrase no aproveitamento dos equipamentos da cidade xa existentes para optimizar ao máximo os gastos de mantemento e garantir o acceso. 

A rede comezará con dúas ubicacións iniciais que actuarán como proxectos piloto: o Mercado de Abastos e a Praza do Concello. 

Así, o aseo inclusivo situado no Mercado de Abastos será un proxecto "ambicioso" que procura garantir un entorno limpo e seguro para persoas con calquera discapacidade ou diversidade funcional. Ubicarase no espazo a continuación dos actuais aseos femininos no primeiro andar, e contará cun espazo de 4,80 metros por 2,70 metros. 

O proxecto incluirá: 

  • Un aseo específico deseñado para persoas ostomizadas. 
  • Un lavabo e un inodoro. 
  • Unha ducha con asento. 
  • Unha padiola (cambiador). 
  • Un sistema de guindastre que se instalará na padiola.

Debido á complexidade da instalación do sistema de guindastre, que permite o desprazamento da persoa por todo o espazo do aseo, tívose que realizar un reforzo do forxado, xa que non podía aguantar o peso da grúa tal como estaba. O proxecto tamén contempla un cambio de pavimentos, reforzo da iluminación e a colocación dun espello na parte frontal e outro convencional no lavabo. 

O deseño deste aseo corre a cargo da arquitecta da OTAP, Rosa Magdalena, quen, segundo a concelleira, foi a primeira persoa en deseñar un aseo para persoas en todo o Estado español, o que confire "garantías de que vai a ser un éxito”. O custo desta obra está estimado en 45.000 euros (máis IVE). Nunha segunda fase, está previsto reformular o espazo de vestiarios e taquillas das praceiras e praceiros do mercado para facelos máis confortables e incluír unha ducha. 

Doutra banda, o segundo aseo situarase no corazón da cidade, na Praza do Concello. Neste caso, o proxecto é froito dunha alianza e entendemento con Telpark. O Concello encargarase da construción do aseo no espazo cedido pola empresa xestora do aparcadoiro, namentres que a concesionaria controlará os accesos e o mantemento. 

Gulías agradeceu a sensibilidade de Telpark e indicou que, se estes dous pilotos funcionan ben, poderíanse explorar acordos co resto das concesionarias de estacionamentos da cidade para desenvolver un mapa máis ambicioso. O orzamento para esta intervención é de aproximadamente 15.000 € máis IVE. 

A concelleira agradeceu a presenza de Anxela da asociación ASSEII, xa que este proxecto nace dunha demanda desta asociación. Gulías resaltou que, grazas á demanda do colectivo e ao traballo do Concello, hoxe Pontevedra é "unha cidade máis fermosa aínda". 

Pontevedra porá en marcha a súa rede de aseos inclusivos con dous proxectos piloto, no Mercado e na Praza do Concello