O 11 de maio darán comezo as históricas obras de renaturalización do río dos Gafos

gafos-zona de estancia
gafos-zona de estancia
O 11 de maio darán comezo as históricas obras de renaturalización do río dos Gafos

Pontevedra, 28 de abril de 2026. O inicio das agardadas obras de renaturalización do río dos Gafos é inminente. Así o confirmou o edil de Infraestruturas, César Mosquera, após a comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada a primeira hora desta mañá. A data prevista para o comezo dos traballos queda fixada para o vindeiro 11 de maio, aínda que podería axustarse uns días en función da loxística da empresa adxudicataria. 

Nesta primeira fase, a maquinaria non comezará destapando o río directamente, senón que os traballos centrarase en colocar os novos colectores de augas residuais por fóra do que será a futura canle ampliada do río. As tarefas arrancarán na zona "onde empeza a estar soterrado" o Gafos para ir instalando e conectando as tubaxes polos dous lados antes de proceder a abrir o caixón de formigón. 

Unha das grandes prioridades da dirección de obra é minimizar as molestias aos dous centros educativos situados nas proximidades. Mosquera quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa, asegurando que se adoptarán todas as medidas necesarias para que o colexio funcione con normalidade. Neste sentido, explicou que hai "traballo de sobra a facer" antes de afectar a esa área e que se aproveitarán as vacacións de verán, cando os nenos xa non estean nas aulas, para acelerar as tarefas máis pesadas nese tramo. 

O concelleiro tamén subliñou a excepcionalidade deste proxecto, destacando a súa "enorme complexidade", posto que "practicamente non houbo nunca ningunha obra semellante en todo o Estado". A diferenza doutras intervencións onde se traballou sobre canles xa abertas, en Pontevedra vaise levantar o que está tapado. "Estamos abrindo o camiño", manifestou o edil, asegurando que o proxecto está "nas mellores mans", contando cunha empresa solvente e uns proxectistas que fixeron un "traballo extraordinario”. 

A obra destacará ademais pola súa aposta pola sustentabilidade e a economía circular. Para evitar o colapso e as molestias de trasladar "centos de camións de escombro" a vertedoiros, atopouse unha solución innovadora: a maioría do material levantado vaise triturar e reutilizar na propia zona da obra. 

O 11 de maio darán comezo as históricas obras de renaturalización do río dos Gafos