O Concello de Pontevedra detecta 16 casos de infraccións graves na xestión de residuos no primeiro cuadrimestre do ano

César Mosquera
César Mosquera
O Concello de Pontevedra detecta 16 casos de infraccións graves na xestión de residuos no primeiro cuadrimestre do ano

O Concello de Pontevedra, a través da Policía Local, intensificou a vixilancia sobre as prácticas de xestión de residuos na cidade, poñendo o foco de atención nos incumprimentos máis "flagrantes e aberrantes". O edil de Infraestruturas, César Mosquera, fixo balance hoxe desta campaña e informou de que, entre o 1 de xaneiro e o 22 de abril, tramitáronse un total de 16 denuncias diferentes dentro deste ámbito. 

A distribución destas sancións reflicte a gravidade dos feitos denunciados: sete das multas impuxéronse por deixar os residuos por fóra dos colectores, oito por infraccións graves na separación do lixo e unha por non limpar unha terraza tras ser previamente advertido o seu responsable. 

Mosquera puxo como exemplo destas prácticas "aparatosas" e casos "flagrantes" onde foi detectado o depósito de entullos de obra en contedores destinados a biorresiduos, papel ou vidro, ou o verquido de "capachos de vidro botados no marrón de biorresiduos”. 

A administración municipal aclarou que non se está a perseguir a pequenos erros puntuais na separación que poida cometer unha persoa, senón que os esforzos están centrados en sancionar comportamentos case sempre motivados pola "pura comodidade". As multas derivadas destas infraccións, catalogadas case na súa totalidade como graves, suporán sancións de entre 750 e 1.500 euros. 

Entre os sectores afectados por estas primeiras sancións figuran restaurantes, centros médicos e hospitais, clínicas veterinarias, empresas de construción, un bazar ou un particular que deixou varias bolsas no chan, ao carón dos colectores, negándose a recollelas malia estar estes baleiros. 

O concelleiro fixo fincapé en que a mensaxe principal destas denuncias é que se vaia cumprindo a normativa, destacando que non hai ningún "ánimo sancionador". A intención é protexer o traballo daqueles cidadáns e negocios que o fan ben, posto que "non é de recibo" que os infractores dean mal exemplo e desfagan o esforzo da maioría. 

Un dos aspectos que Mosquera valorou de forma máis positiva é a implicación do persoal do servizo de recollida de lixo. En moitos dos casos detectados foron os propios traballadores, que están a pé de rúa e coñecen á perfección o funcionamento dos contedores, os que chamaron e alertaron á Policía Local ao detectar estas infraccións graves. 

De xeito complementario á vía sancionadora, o Concello iniciou unha importante asistencia técnica centrada na "información bidireccional" cos grandes produtores da cidade. Esta iniciativa, pioneira e necesaria pola falta de datos xerais nos municipios, ten un obxectivo anual de entre 800 e 1.000 inspeccións e xa realizou con éxito máis de 70 visitas. 

O seu propósito é recadar datos concretos —tales como alimentos doados a entidades sociais en lugar de tirarse ou os niveis de aceite reciclado— e asesorar in situ aos responsables sobre como deben xestionar correctamente os seus residuos. 

O Concello de Pontevedra detecta 16 casos de infraccións graves na xestión de residuos no primeiro cuadrimestre do ano