O Concello de Caldas denuncia que Xunta volve boicotear o escenario no río para as festas de verán
Caldas, 28 de abril de 2026. O Concello de Caldas denuncia o intento de boicot ao escenario do río para as próximas festas de verán por parte da Xunta e do PP, unha decisión que o goberno local considera inxustificada e totalmente allea ao interese da veciñanza, ao basearse en argumentos xa desmentidos nos informes técnicos elaborados pola administración autonómica no ano 2024.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, explica que o concello solicitou autorización formal a Augas de Galicia para instalar o palco no Umia, recibindo unha nova negativa sustentada en supostos riscos ambientais que non se corresponden co avaliado polos propios técnicos da Xunta, que xa comprobaran na práctica que a instalación non provocaba dano ningún no leito do río nin na súa contorna.
Fariña sinala que esta decisión chega nun momento no que o Concello de Caldas de Reis está a dar pasos firmes para recuperar o río Umia como un espazo de encontro, de cultura e de vida, polo que considera que “o que está en xogo vai moito máis alá dun escenario: é dicir, qué modelo de vila queremos. Se unha Caldas aberta, con xente, con actividade e con futuro ou unha Caldas ao que lle poñen límites dende fora sen atender ao que sente e quere a súa veciñanza por puro cálculo electoral do Partido Popular.
O informe remitido pola Xunta volve apoiar a negativa en posibles impactos sobre o leito fluvial e na condición de zona anegable, aínda que o propio documento recoñece que a instalación non supón un aumento significativo do risco e que o Concello xa contempla medidas específicas de prevención e protección. Neste sentido, Fariña insiste en que “cando os propios datos non sosteñen o bloqueo, o que queda é unha decisión que non responde ao interese de Caldas nin ao que a súa veciñanza leva anos demostrando que funciona”.
O tenente de alcalde lembra que en 2024 os propios técnicos de Augas de Galicia comprobaron sobre o terreo que o escenario non causara ningún dano ao dominio público hidráulico nin á vexetación do río, polo que considera “difícil de explicar que o que foi seguro e respectuoso na práctica pase agora a cuestionarse sobre o papel”. Para Fariña. “cando a realidade xa demostrou que é compatible co río, o que corresponde é facilitar solucións, non levantar barreiras”.
O goberno local reitera a súa disposición a cumprir todas as condicións técnicas, ambientais e de seguridade que se establezan para garantir a compatibilidade do escenario coa contorna, insistindo en que “Caldas sempre estivo do lado de coidar o río, pero tamén de vivilo”. Neste sentido, Fariña subliña que “cando hai vontade de colaborar, atópanse solucións; cando non, utilízanse argumentos para frear o que a xente leva anos demostrando que quere e funciona”.
Para o goberno municipal, o palco do río é moito máis que unha infraestructura efímera: é unha expresión da maneira de vivir Caldas e da relación da veciñanza co Umia. "Non falamos só dun escenario, falamos dun dos grandes iconos das nosas festas, dunha maneira de entender a vila de Caldas como unha vila aberta, viva e orgullosa do seu. E iso non o pode dicir quen non está aquí nin escoita o que sente a xente” conclúe Fariña.
O Concello de Caldas de Reis anuncia que continuará traballando para facer posible a instalación do escenario nas festas, explorando todas as vías necesarias e defendendo unha proposta que considera plenamente compatible coa protección do río. “Non ímos renunciar a algo que funciona, que é seguro e que forma parte da nosa historia e da nosa cultura popular. Caldas sabe o que quere e ímos seguire defendendoo”, conclúe o tenente de alcalde.