Pontevedra outorga licenza ao INVIED para acondicionar un local de 367 metros cadrados que cederá ao Concello
Pontevedra, 21 de maio de 2026. O Concello concedeu licenza de obra ao Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) para a unificación de tres inmobles situados no número 36 da avenida de María Victoria Moreno. Esta actuación ten como finalidade preparar estes espazos para a súa posterior entrega á Administración local, materializando así un dos compromisos do desenvolvemento do gran convenio asinado co Ministerio de Defensa.
O proxecto, que conta cun orzamento de 24.829,68 euros, permitirá sumar unha superficie total de 367 metros cadrados. Actualmente, estas tres antigas vivendas teñen o seu acceso desde o relanzo da planta baixa e carecen de conexión entre si. Para poder formalizar a cesión, o Concello esixiu como requisito indispensable que pasen a ser un único espazo diáfano con saída directa á vía pública, evitando así que as futuras persoas usuarias teñan que transitar polo portal do edificio residencial.
A recepción e posta en uso deste local é só unha das pezas do amplo acordo urbanístico con Defensa que transformará dúas zonas estratéxicas da cidade. O convenio divídese en dous grandes ámbitos de actuación:
Por unha banda, na parcela de Campolongo (entre María Victoria Moreno e Xeneral Rubín), permite ao INVIED a construción de dous novos edificios dotados de estacionamento soterrado privado, paliando a carencia dos inmobles existentes. A cidade gañará a apertura ao uso público de case 10.000 metros cadrados (9.963,25 m2) de novas rúas, espazos libres e zonas verdes, ademais de completarse a rúa Tablada para darlle saída cara a María Victoria Moreno.
Por outra banda, no ámbito de Mollavao (na confluencia de Manuel del Palacio con Rosalía de Castro), o INVIED xa derrubou as edificacións actuais para crear unha nova praza pública aberta de 3.848,70 metros cadrados. O INVIED poderá levantar un novo edificio que permitirá pechar a medianeira lindeira.