O Concello de Pontevedra aproba a prórroga do convenio coa Deputación para a interconexión subterránea do Museo

Edificios centrais do Museo
Edificios centrais do Museo
O Concello de Pontevedra aproba a prórroga do convenio coa Deputación para a interconexión subterránea do Museo

Pontevedra, 21 de maio de 2026. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a primeira prórroga do convenio de colaboración coa Deputación Provincial, cuxo obxecto é a cesión de uso do subsolo municipal para permitir a consolidación, restauración e interconexión accesible dos edificios centrais do Museo de Pontevedra.

A addenda ratificada amplía a vixencia do acordo, asinado orixinalmente en maio do 2022, por un período adicional de catro anos. Deste xeito, o documento prolongará os seus efectos dende o vindeiro 23 de maio de 2026 ata o 23 de maio de 2030, o límite máximo que permitía o documento actual. As condicións e os compromisos económicos do texto primixenio mantéñense intactos.

Esta extensión foi solicitada formalmente pola institución provincial o pasado 30 de abril. A petición xustificouse pola demora experimentada na tramitación con outras entidades para lograr a totalidade dos permisos preceptivos, sinalando ademais que o proxecto de obra se atopa xa na súa fase final de redacción. Cómpre lembrar que o obxectivo é ceder os treitos de subsolo necesarios nas rúas Sarmiento, Pasantería e García Flórez para unir fisicamente as dotacións.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que as obrigas do Concello eran modificar o planeamento para permitir a obra, asinar o convenio que se fixo en 2022 e dar as licenzas de construción. "É obvio que non hai licencia pedida, polo tanto, non a podemos dar. Eu agardo que estes catro anos sexan suficientes para que se acometan unhas obras que a previsión que tiña a Deputación era que estiveran executadas xa", afirmou.

O alcalde engadiu que, en canto se rexistre a solicitude do permiso de obra, o Concello tramitarao coa mesma preferencia coa que xestiona todas as actuacións relevantes promovidas por outras administracións na cidade.

O Concello de Pontevedra aproba a prórroga do convenio coa Deputación para a interconexión subterránea do Museo