O Concello de Pontevedra aproba o convenio coa Deputación para financiar parte da reforma de Rosalía de Castro

Proxecto básico Rosalia de Castro PLANOS
Proxecto básico Rosalia de Castro PLANOS
O Concello de Pontevedra aproba o convenio coa Deputación para financiar parte da reforma de Rosalía de Castro

Pontevedra, 21 de maio de 2026. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o convenio de colaboración coa Deputación Provincial para a execución das obras de "Mellora de accesibilidade na rúa Rosalía de Castro: Treito Manuel del Palacio-Ponte do Ferrocarril ao Porto de Marín" que permitirá acometer unha transformación integral que mellorará a seguridade e a mobilidade peonil nesta contorna. O proxecto, que contará con financiamento da institución provincial, ten un orzamento total de 2.446.858,84 euros.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou a achega provincial pero reclamou un maior esforzo inversor por parte da Deputación. Lembrou que esta financiación está incluída dentro da achega de 2,5 millóns de euros que a institución provincial fai a Pontevedra en 2026. "Xa nos gustaría que fora máis por iso nós seguiremos reivindicando que sexan máis porque hai unha discriminación clara", asegurou o rexedor.

Fernández Lores explicou que en 2026 a Deputación achegará 583.548 euros e o Concello destinará 1.863.310,61 euros con cargo a 2027.

A mellora de Rosalía de Castro vaise tramitar de xeito conxunto co proxecto do novo bypass (o vial de conexión entre a Avenida de Marín e a propia Rosalía de Castro), cuxo convenio por valor de 1.279.762,39 euros está financiado integramente pola Deputación.

O alcalde sinalou que a aprobación deste novo convenio é un trámite necesario para habilitar a consignación económica e poder formalizar o contrato definitivamente á empresa adxudicataria E.C.Casas. O calendario que manexa o Goberno local é que, tras o paso do documento polo próximo pleno da Deputación, "estariamos falando de primeiros de xullo para poder ter o contrato asinado coa empresa adxudicataria".

O Concello de Pontevedra aproba o convenio coa Deputación para financiar parte da reforma de Rosalía de Castro