SÁBADO 23

Caldas acolle o ‘II Torneo Internacional Cadete Vila de Caldas’ con preto de 160 futbolistas das principais canteiras galegas e portuguesas

Campo de fútbol. Caldas
Campo de fútbol. Caldas
Caldas acolle o ‘II Torneo Internacional Cadete Vila de Caldas’ con preto de 160 futbolistas das principais canteiras galegas e portuguesas

Caldas, 21 de maio de 2026. Caldas de Reis volverá respirar fútbol de base esta fin de semana.  A vila termal converterase de novo nun dos grandes puntos de encontro do fútbol base coa celebración este sábado 23 do II Torneo Internacional Cadete Vila de Caldas, unha cita deportiva que, segundo anuncia o tenente de alcalde Manuel Fariña, reunirá a preto de 160 mozos e mozas procedentes das canteiras de diferentes clubs de Galiza e Portugal acompañadas dos correspondentes corpos técnicos e familias.

Nesta segunda edición participarán o RC Celta de Vigo, Caldas CF, Victoria SC, AJ Lérez, RC Deportivo, Arosa SC, FA Famalicão e ED Val Miñor, configurando un cartel de grande nivel competitivo e consolidando o torneo como unha referencia dentro do calendario.

A competición arrincará pola mañá en As Corticeiras cunha primeira fase de grupos. Tras unha pausa para o xantar, o torneo continuará pola tarde coa disputa das semifinais de fase ouro e fase prata, así como das finais de ambas categorías. Os encontros terán unha duración de 25 minutos, agás as semifinais e finais, que se xogarán en dúas partes de 15 minutos cada unha.

Fariña destaca a importancia deste tipo de iniciativas tanto desde o punto de vista deportivo como de dinamización económica, seguindo a política de promoción de eventos que está a consolidar Caldas como lugar de referencia. “Este torneo supón unha gran oportunidade para seguir fomentando o deporte base e os seus valores, ademais de contribuír a proxectar a imaxe de Caldas como unha vila comprometida co deporte e coa organización de eventos de calidade”, sinalou.

O nacionalista puxo en valor a repercusión que este tipo de competicións teñen para a economía local. “A chegada das rapazas e rapaces xogadores, corpos técnicos e familias converte este torneo nun importante dinamizador para a hostalaría e o comercio local durante toda a fin de semana”, engadiu.

O Concello quere destacar a colaboración municipal na organización dunha iniciativa destas características, que xurde por parte do Caldas CF, e que se suma ao torneo de fútbol 8 celebrado xa durante a pasada Semana Santa e a outras propostas. “Sempre iremos da man dos equipos da nosa vila. Caldas é xa un punto de referencia dentro da xeografía galega para a celebración de torneos de canteira, coa participación de numerosos clubs e cunha importante capacidade para atraer visitantes”, subliñou Fariña, quen sinalou que comparte a filosofía do Caldas CF de que este tipo de iniciativas non só son simples campionatos deportivos, senón que son experiencias enriquecedoras para a rapazada.

Cabe lembrar que o Concello de Caldas, da man da Concellaría de Deportes, está a traballar na ampliación das instalacións deportivas do campo municipal das Corticeiras coa construción dun novo campo de fútbol 7. Esta nova cancha permitirá facilitar a organización deste tipo de eventos de fútbol base aínda máis unha vez sexa inaugurado, previsiblemente a finais de ano.

Caldas acolle o ‘II Torneo Internacional Cadete Vila de Caldas’ con preto de 160 futbolistas das principais canteiras galegas e portuguesas