7-11 XULLO. 23 H. PRAZA DA PEDREIRA

Pontevedra ofrece cinco filmes internacionais de balde e ao aire libre no ciclo Cinema e Estrelas

Demetrio Gómez e Ramón Poza na presentación de "Cinema e estrelas"
Demetrio Gómez e Ramón Poza na presentación de "Cinema e estrelas"
Pontevedra ofrece cinco filmes internacionais de balde e ao aire libre no ciclo Cinema e Estrelas

Pontevedra acollerá o ciclo de cinema ao aire libre Cinema e Estrelas entre o 7 e o 11 de xullo na praza da Pedreira. Esta iniciativa, que se integra dentro da programación das Festas de verán do Concello, ofrecerá un total de cinco proxeccións de calidade contrastada en versión orixinal subtitulada (VOSE), con pases que comezarán puntualmente ás 23:00 horas e cun acceso de balde ata completar a cabida do espazo.

O concelleiro de festas, Demetrio Gómez, destacou que a selección de películas realizada polo Cineclube garante unha carteleira de altísima calidade pensada para emocionar e abrir mundos novos ao público. "Imos gozar deses mundos que nos abre o cinema e ademais imos descubrir novas cinematografías en moitos idiomas", sinalou Gómez, quen puxo en valor a variedade temática da programación, que inclúe desde comedia e drama ata proxeccións familiares. Como gran aliciente, o concelleiro lembrou que o ciclo pechará cun clásico proxectado en 35 milímetros cunha cámara tradicional.

Pola súa parte, o presidente do Cineclube Pontevedra, Ramón Poza, detallou a escolla artística e explicou que o horario de inicio ás 11 da noite é indispensable para dispoñer das condicións lumínicas axeitadas que garantan unha proxección de calidade. "Intentaremos ser puntuais para non rematar as películas moi tarde", apuntou Poza antes de desgranar as fitas que compoñen o ciclo.

A carteleira arrancará o martes 7 co filme irlandés Kneecap, dirixido por Rich Peppiatt e rodado en gaélico. Esta cinta narra a historia de dous rapaces que forman unha banda de rap na súa lingua nativa coa axuda do seu profesor de música. O filme, que representa a Irlanda nos Óscar, gañou o Premio do Público no prestixioso Festival de Sundance.

O mércores 8 será a quenda de A rapaza zurda, obra da directora taiwanesa Shih-Ching Tsou. Trátase dun debut en solitario que narra o traslado de tres xeracións dunha familia a Taipei para montar un posto de fideos, mentres conviven cunha peculiar superstición familiar sobre a man esquerda da filla pequena. O filme foi rodado integramente con iPhones en localizacións reais e luz natural, e contou coa coescritura e produción do recoñecido cineasta Sean Baker.

Cinema e estrelas
Cinema e estrelas

A comedia francesa A receita perfecta, dirixida por Louise Courvoisier, será a protagonista do xoves 9. O argumento xira arredor dun mozo de 18 anos que asume a responsabilidade de manter a súa irmá pequena e decide inscribirse nun concurso agrícola de queixo Comté para obter o premio de 30.000 euros. O filme foi galardoado co premio á mellor ópera prima nos Premios César e co Premio da Xuventude en Cannes.

O venres 10 o público poderá gozar de Arco, cinta francesa de animación en 2D dirixida por Ugo Bienvenu. Ambientada no ano 2075, relata a historia de Iris, unha nena que convive con hologramas e robots, e Arco, un viaxeiro do tempo que chega dun mundo en harmonía coa natureza. A longametraxe obtivo o prestixioso Cristal no Festival de Annecy e foi nomeada aos Óscar.

O broche de ouro do sábado 11 será a proxección en formato de 35 milímetros do clásico de John Ford O home que matou a Liberty Valance (1962). O presidente do Cineclube definiu esta película como "unha obra mestra indiscutible do cine" que conta cun elenco estelar encabezado por James Stewart, John Wayne, Lee Marvin e Vera Miles.

Pontevedra ofrece cinco filmes internacionais de balde e ao aire libre no ciclo Cinema e Estrelas