Pontevedra avanza na rehabilitación de firmes na parroquia de Campañó dentro do gran contrato de asfaltados

Pavimientación Campañó
Pavimientación Campañó
Pontevedra avanza na rehabilitación de firmes na parroquia de Campañó dentro do gran contrato de asfaltados

Pontevedra, 2 de xullo de 2026. A concelleira do rural, María Xosé Abilleira, supervisou esta mañá as obras de pavimentación que se realizan na parroquia de Campañó, integradas no macrocontrato municipal de rehabilitación firmes, que este venres activa un operativo especial na rúa Xosé Malvar para acometer a terceira fase das pavimentacións na zona urbana.

No medio rural, os traballos completaron xa a mellora da pista que comunica os lugares do Bispo e Souto Novo, en Campañó, co de Lampreeira, en Aba. Esta actuación de algo máis de medio quilómetro de lonxitude incluíu o desbaste dos laterais para ensanchar a vía, que estaba invadida por terra, ademais da regularización previa do terreo e o posterior asfaltado. Os operarios traballan actualmente na Devesa -en Alba- e, nos vindeiros días, remataranse as vías pendentes en Campañó de xeito simultáneo co acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.

"Este contrato é o froito de moitos meses de traballo man a man coas asociacións veciñais e coa propia veciñanza nas distintas parroquias", subliñou María Xosé Abilleira, quen agradeceu a colaboración e o esforzo dos servizos municipais para plasmar as necesidades nun proxecto tan ambicioso. A concelleira explicou que o cronograma para as restantes parroquias coordinarase entre os servizos técnicos municipais e a empresa adxudicataria, e avanzou que haberá reposicións de firmes nas 15 parroquias do rural a través deste macrocontrato, do canon da auga, das modificacións de crédito aprobadas, do convenio de saneamento de Veolia, e do propio orzamento municipal.

Ámbito urbano

En canto ao ámbito urbano, a rúa Xosé Malvar acollerá a terceira fase dos traballos de fresado e asfaltado o venres, 3 de xullo, e o luns, 6 de xullo. Trátase do tramo comprendido entre a rotonda de Loureiro Crespo e a rotonda que conecta co barrio de Valdecorvos.

Pontevedra avanza na rehabilitación de firmes na parroquia de Campañó dentro do gran contrato de asfaltados