O Concello de Pontevedra activa o protocolo de calor para minorar o impacto das altas temperaturas nas persoas sen fogar
Pontevedra, 2 de xullo de 2026. O Concello de Pontevedra pon en marcha hoxe un novo protocolo de emerxencia por calor co fin minorar o impacto das vagas de altas temperaturas nas persoas sen fogar e garantir a atención dun colectivo en situación de vulnerabilidade e alto risco de exclusión social. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, explica que esta intervención polo calor integrarase coa existente para o frío, para conformar o chamado Protocolo de emerxencias por causas meteorolóxicas adversas.
O dispositivo activarase de xeito automático cando Meteogalicia emita unha estimación de temperatura igual ou superior aos 37 graos centígrados, o que se corresponde cunha alerta laranxa por risco importante para a poboación ou cando se decrete alerta sanitaria. E ademais, a Concellaría de Benestar Social activará o protocolo fóra destes parámetros sempre que considere que é preciso para garantir unha atención axeitada á poboación diana.
A intervención fronte ao calor centrarase, dun xeito especial, no tramo horario comprendido entre as 14.00 e as 16.00 horas, momento no que se rexistra a máxima radiación solar e no que, habitualmente, os recursos sociais da cidade permanecen pechados. Neste tempo, voluntarios de Protección Civil repartirán botellas de auga fresca entre as persoas sen fogar e pulsarán o seu estado, e darase información sobre recomendacións básicas de como protexerse fronte ao calor extremo e sobre os recursos sociais que hai no concello.
Con este novo Protocolo de emerxencias, o Concello profunda na coordinación entre as entidades que ofrecen recursos ás persoas sen fogar, asegurando que ninguén quede desprotexido ante as inclemencias climáticas máis severas. Foi consensuado de xeito conxunto entre o propio concello, as entidades sociais, Protección Civil e a Policía Local.