O Concello de Pontevedra activa a reforma do local social de Monte Porreiro
Pontevedra, 1 de xullo de 2026. O Concello está a ultimar os pregos para sacar a licitación nas vindeiras semanas a redacción do proxecto básico e de execución para a rehabilitación integral do Centro sociocultural de Monte Porreiro. A actuación busca dar resposta ás necesidades da veciñanza para actualizar un edificio que foi inaugurado en 2004 e que precisa renovar os seus espazos e solucionar deficiencias como a eficiencia enerxética.
O concelleiro delegado do barrio, Alberto Oubiña, destacou a importancia desta actuación para dar servizo a unha veciñanza moi activa, resolvendo ao mesmo tempo os problemas actuais de climatización, escaso illamento térmico das carpinterías e problemas de impermeabilización. "Falamos dunha revolución total en todo o local social de Monte Porreiro porque queremos adaptar o espazo aos tempos actuais e ao uso que ten hoxe en día, que non é o que tiña hai 20 anos", explica Oubiña.
O programa de necesidades elaborouse tras escoitar ás asociacións e persoas usuarias do centro para optimizar a superficie e permitir actividades simultáneas. Entre as novidades propostas destaca a creación dunha zona de cafetería de ata 115 metros cadrados integrada cunha cociña aberta que permitirá impartir obradoiros gastronómicos. Tamén se prevé a ampliación do salón de actos ata os 250 metros cadrados, a habilitación dunha aula TIC integrada na biblioteca para cursos de novas tecnoloxías, e a construción dunha aula de música insonorizada para evitar que o son interfira co resto de actividades. Ademais, recuperarase o uso do ximnasio cunha boa extracción de aire e garantiranse espazos adecuados para entidades coma o Secretariado Xitano e a Unidade de Traballo Social.
O proxecto non descarta unha redistribución completa de todas as dependencias actuais da planta baixa e do soto, deixando liberdade de deseño para conseguir espazos máis versátiles e accesibles.
A actuación enmárcase nos grandes proxectos do mandato e estará cofinanciada con fondos europeos FEDER a través da estratexia EDIL Pontevedra. A execución da reforma conta cun orzamento total previsto de 880.000 euros.
No que respecta aos prazos, unha vez se adxudique o contrato tralo verán, o estudo de arquitectura contará cun mes para elaborar o proxecto básico. Este primeiro documento seralle presentado á asociación veciñal e ás persoas usuarias para que o valoren e aporten suxestións. A continuación, disporase de dous meses adicionais para redactar o proxecto de execución definitivo, coa previsión municipal de licitar as obras ao longo do vindeiro ano.
Esta reforma do local social sumarase a outras actuacións de envergadura previstas para o barrio de Monte Porreiro neste mandato co obxectivo de mellorar os espazos comúns, as zonas verdes, os estacionamentos e os equipamentos sociais e deportivos.
Segundo apuntou o concelleiro, gran parte destes grandes proxectos tamén estarán cofinanciados cos fondos EDIL da Unión Europea, como a reforma do pavillón, que xa se está a executar; o deseño do campo de fútbol e rugby, cuxo programa de necesidades se está a elaborar cos clubs da zona; e a mellora das rúas do barrio, para a cal xa hai encontros coa veciñanza.