Pontevedra acolle o Campionato de Europa U17 de Péntatlon Moderno
Pontevedra, 1 de xullo de 2026. Pontevedra celebra, por primeira vez na Galiza, o Campionato de Europa U17 de Péntatlon Moderno, un evento que se desenvolverá do 6 ao 11 de xullo. A competición reúne a máis de 200 deportistas procedentes de máis de 20 países. As probas terán lugar nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e na Fundación Rías do Sur.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destaca a aposta decidida da cidade pola organización de citas internacionais como a mellor forma de proxección externa. "Pontevedra ten un traballo realmente importante ao redor da organización de eventos internacionais e unha aposta política que a facemos decididas", sinala a edil. A concelleira tamén convida a todas as persoas a consultar os horarios na páxina web e a achegarse ás instalacións para "ver a elite do Péntatlon moderno", destacando o carácter acolledor da cidade con todas as disciplinas deportivas.
Pola súa banda, o presidente da Federación Española de Péntatlon Moderno, Carlos Jiménez, subliñou que este campionato serve como "trampolín para poder albergar moitas máis competicións" na cidade e darlle visibilidade a un deporte que é olímpico desde 1912. A selección estatal participará cun equipo completo formado por cinco homes e cinco mulleres. Ademais, a competición incorpora unha espectacular proba de obstáculos, moi atractiva para o público de todas as idades, e celebrarase en paralelo unha competición internacional de parapéntatlon como deporte inclusivo que conta con cinco persoas inscritas.
A dinámica do péntatlon moderno nesta ocasión inclúe natación, carreira, tiro, obstáculos e esgrima. O campionato abrirase o propio día 6 coa proba de esgrima, que servirá para establecer o ránking inicial co que os atletas irán pasando ás diferentes disciplinas en función da súa puntuación.