O BNG demanda á Xunta que “poña as pilas”para trasladar as instalacións da Xunqueira do Alba nesta lexislatura

Equipamentos da Xunta na Xunqueira da Gándara
Equipamentos da Xunta na Xunqueira da Gándara
O BNG demanda á Xunta que “poña as pilas”para trasladar as instalacións da Xunqueira do Alba nesta lexislatura

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026. O deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará cualificou de “máis que decepcionante” a intervención de hoxe da directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AGI) María Deza na comisión segunda do parlamento, na que non ofreceu ningunha concreción sobre as xestións realizadas para liberar os máis de 5.000m2 que o Centro de Conservación de Estradas da Xunta ocupa no ENIL da Xunqueira do Alba en terreos situados no dominio público marítimo terrestre e coa concesión caducada. Segundo Bará, “María Deza nin concretou o novo emprazamento, nin os prazos para levar a cabo o traslado nin os custos que terá a construción do novo centro e a rexereración e renaturalización dos terreos que ocupa actualmente”.

Bará lamentou que se perderan catro anos desde que a Deputación ofrecera unha parcela no polígono empresarial de Barro. E que a Directora da AGI falase hoxe de que se estaban estudando tres posíbeis emprazamentos, sen concretar nada ao respecto.

Luís Bará responsabiliza a Rueda e á conselleira María Martínez da parálise nas xestións para trasladar o Centro de Conservación de Estradas a un novo emprazamento

A resposta dada hoxe pola Directora da Axencia de Infraestruturas deixa segundo o BNG en “papel mollado” o declarado por Rueda en marzo cando nunha reunión co Alcalde de Pontevedra dixo que a esta instalación se trasladaría ao polígono de Barro, que se faría canto antes e que consideraba “lóxico recuperar toda esta zona das marismas”.

En relación coa proposta lanzada polo presidente da Xunta en outubro de 2023 para negociar o traspaso de tres estradas autonómicas ao Concello en contrapartida pola asunción pola Xunta dos custos do traslado do Centro de Conservación de Estradas da AGI, Bará lembrou a boa disposición do concello ao respecto e que “o único problema é a falta de vontade política da Xunta e a inexistencia dos proxectos de nova instalación e de rexeneración dos terreos así como de orzamentos para levar as obras a cabo”.

Exemplo da Deputación

Luís Bará convidou á Xunta a tomar exemplo da Deputación de Pontevedra, que investiu 4.5 millóns de euros na demolición das instalacións que tiña na Xunqueira, no novo parque de Maquinaria construido en Barro e na renaturalización dos terreos que permitiu gañar unha zona verde de 17.000 m2.

O deputado nacionalista convidou á Xunta a tomar exemplo da Deputación de Pontevedra, que investiu 4.5 millóns de euros na demolición das instalacións que tiña na Xunqueira

Bará sinalou que é aberrante que as administracións públicas (Xunta e Goberno central) sigan ocupando de maneira irregular terreos de dominio público marítimo terrestre, que foron declarados Espazo Natural de Interese Local en 2012, incluidos no inventario de zonas húmidas da Xunta en 2023 e no 2025 na Estratexia de Infraestrutura Verde e para a Restauración Ecolóxica, na que seleccionou como espazo para a súa rexeneración prioritaria.

Finalmente, Bará instou á Xunta a “poñer as pilas e a facelo non con anuncios senón con proxectos e orzamentos, para conseguir facer realidade este traslado na presente lexislatura”.

O BNG demanda á Xunta que “poña as pilas”para trasladar as instalacións da Xunqueira do Alba nesta lexislatura