Pontevedra insta á Deputación a aclarar o futuro de Santa Clara tras un ano de silencio administrativo sobre a súa rehabilitación

Santa Clara
Santa Clara
Pontevedra insta á Deputación a aclarar o futuro de Santa Clara tras un ano de silencio administrativo sobre a súa rehabilitación

Pontevedra, 24 de febreiro de 2026. O Concello de Pontevedra, a través do concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, vén de facer un chamamento urxente á Deputación de Pontevedra para que tome unha decisión clara sobre o futuro do convento de Santa Clara e o seu proxecto de rehabilitación. O edil debullou a complexa e preocupante situación administrativa do recinto, advertindo que o Goberno local leva máis dun ano sen recibir resposta nin documentación por parte da institución provincial para avanzar nas obras. 

Para a Administración local e "para toda a cidadanía de Pontevedra" -en palabras de Oubiña-, a recuperación deste espazo é un asunto prioritario. Quixo subliñar esta transcendencia lembrando o esforzo inicial da cidade: "Para nós, Santa Clara é un tema extremadamente importante; tal é o punto que, cando se comprou por parte deste Concello, trasladóuselle á Deputación por considerar que era a entidade idónea para incorporalo como unha ferramenta máis do Museo de Pontevedra". Con todo, o concelleiro lamentou que "despois de tres anos desde as eleccións municipais, Santa Clara segue pechado a cal e canto". 

O concelleiro detallou os fitos que demostran a parálise actual, diferenciando o proxecto de rehabilitación do das escavacións arqueolóxicas: 

A licenza de rehabilitación, paralizada dende febreiro de 2025: A Deputación presentou a solicitude de licenza de rehabilitación en xullo de 2024 con documentación incompleta e errónea. Tras varios requirimentos, en febreiro de 2025 o Concello emitiu os informes técnicos sinalando as deficiencias (falta de estudo arqueolóxico, entre outras) e instou á Deputación a manter unha reunión de coordinación. "Máis dun ano despois de ter informado e de terlles solicitado a reunión por parte deste Concello, se miramos cara á Deputación, non hai nada, silencio total", ilustrou Oubiña.

Escavacións arqueolóxicas (1a fase), sen memoria final: paralelamente, a finais de 2024 tramitáronse unhas escavacións arqueolóxicas manuais. O Concello demostrou a súa axilidade outorgando a licenza en menos de 15 días tras a solicitude. Porén, a día de hoxe, a Deputación aínda non entregou a memoria técnica final para poder dar por concluída esta fase.

• Escavacións arqueolóxicas (2a fase): o episodio máis recente tivo lugar o 13 de febreiro de 2026, cando a Xunta de Galiza notificou ao Concello a autorización autonómica para unha segunda fase de escavacións, pero a Deputación nin sequera presentou no Concello a solicitude de licenza para estas obras. "A Xunta remítenolo para incorporar nun expediente que non existe", explicou o concelleiro, sinalando o despropósito do procedemento. 

A necesidade de liderado e a "man tendida" do Concello 

Ante esta situación, Alberto Oubiña fixo notar, a falta de capacidade de xestión do vicepresidente provincial, Rafael Domínguez, á fronte deste proxecto: "O Sr. Domínguez, con isto, estase retratando e poñendo en evidencia a súa deixación de funcións para con Santa Clara". O concelleiro indicou que resulta rechamante que, mentres se anuncian visitas puntuais ao recinto como un grande éxito, a realidade burocrática atópase completamente abandonada. O lóxico e habitual, segundo apuntou o edil, sería que a propia Deputación solicitase o peche do expediente de rehabilitación ata ter rematados e catalogados todos os estudos arqueolóxicos precisos, para solicitalo novamente cando teña todas as autorizacións sectoriais e o proxecto de rehabilitación completo coas modificacións derivadas das intervencións arqueolóxicas. 

Malia a falta de novas, o Concello de Pontevedra mantén a súa vontade colaborativa. O Servizo de Urbanismo vén de remitir un novo requirimento oficial á Deputación outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para emendar os erros advertidos hai un ano e presentar a solicitude de licenza da segunda fase das escavacións. 

Oubiña finalizou a súa intervención apelando ao sentido común e á responsabilidade institucional: "Seguimos con esa oferta de man tendida á Deputación, de man tendida para colaborar, para poder avanzar e sacar Santa Clara adiante dunha vez, porque é de interese total para a veciñanza de Pontevedra". Agora, a decisión sobre o futuro do convento recae, única e exclusivamente, no tellado da institución provincial. 

Pontevedra insta á Deputación a aclarar o futuro de Santa Clara tras un ano de silencio administrativo sobre a súa rehabilitación