O Concello e o Ateneo de Pontevedra asinan un protocolo para consolidar a súa colaboración cultural

Sinatura do protocolo de colaboración entre o Concello e o Ateneo
Sinatura do protocolo de colaboración entre o Concello e o Ateneo
O Concello e o Ateneo de Pontevedra asinan un protocolo para consolidar a súa colaboración cultural

Pontevedra, 24 de febreiro de 2026. O Concello e o Ateneo de Pontevedra veñen de asinar un protocolo de colaboración destinado á promoción da cultura galega e así dotar de estabilidade o traballo conxunto entre ambas as institucións. A sinatura levouse a cabo coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do presidente da entidade cultural, Luis Rei. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, enxalzou a intensa actividade do Ateneo, que organiza máis de 50 iniciativas ao longo do ano, abarcando ámbitos como a historia, a filosofía e destacadas viaxes culturais. O rexedor explicou que o obxectivo do protocolo é atopar a fórmula máis operativa e áxil (xa sexa mediante achega económica ou en especie) para que o Concello poida apoiar a asociación e complementar así a programación cultural da cidade. 

Aínda que a contía exacta para este ano está pendente de pechar, prevese que teña carácter anual e sexa semellante á de exercicios anteriores, lembrando que o ano pasado o Concello achegou uns 15.000 euros. Lores concluíu afirmando que é "un privilexio para a cidade termos unha entidade como esta", destacando a pluralidade e o elevado nivel das súas propostas. 

Pola súa banda, o presidente do Ateneo, Luis Rei, cualificou a sinatura como un "día feliz", ao concretarse unha vía de apoio que pretende ser estable. Rei lembrou a importante traxectoria da asociación, que conta con 60 anos de historia na cidade, máis de 200 socios actuais e organiza entre 50 e 60 actos anuais sempre abertos ao público. Ademais, destacou que desde o ano pasado a institución ten a consideración de entidade de utilidade pública e que se atopan en plena campaña de captación de novas socias e socios. 

Para Luis Rei, este apoio municipal é fundamental e confía en que sirva de exemplo para acadar un respaldo similar por parte da Deputación e de diversas empresas da contorna. Con este acordo, o presidente asegurou que se están "sentando as bases dun ateneo que estea outros 60 anos na cidade, polo menos". 

O Concello e o Ateneo de Pontevedra asinan un protocolo para consolidar a súa colaboración cultural