ADEMAIS DE MELLORAR A TECONOLOXÍA E POÑER EN VALOR O ELEMENTO PATRIMONIAL CON XOGOS DE LUZ VAISE REDUCIR O CONSUMO UN MÍNIMO DO 55%

Caldas inicia a instalación da nova iluminación ornamental na Ponte Romana do Bermaña

Manuel Fariña na ponte romana
Manuel Fariña na ponte romana
Caldas inicia a instalación da nova iluminación ornamental na Ponte Romana do Bermaña

Caldas, 24 de febreiro de 2026. O Concello de Caldas comezou a instalación da nova iluminación da Ponte Romana. Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen visitou os traballos durante a mañá, substituiranse as vellas luminarias por unha tecnoloxía de última xeración que permitirá xerar composicións de luces para alumear e poñer en valor o elemento patrimonial do río Bermaña ademais de aforrar un 55% de consumo enerxético. O nacionalista explica que o goberno local conseguiu financiamento para a actuación a través dunha subvención.

O tenente de alcalde destaca que a Ponte Romana é un monumento emblemático da vila que, ao formares parte do Camiño de Santiago, é moi transitado, mais ata o de agora estaba mal iluminado con proxectores que non tiñan a óptica axeitada e xeraban manchas sobre a pedra. O sistema de iluminación, ademais, tiña un grande consumo ao precisar moi alta potencia e os focos non eran estancos, estando danados polas frecuentes subidas no nivel da auga. Por outra banda, a instalación sufriu múltiples roubos dos cables de cobre e actos de vandalismo nos últimos anos. 

Para mellorar substancialmente a situación, o Concello redactou un proxecto para substituír as luminarias vellas e introducir ópticas axeitadas adaptadas á contorna húmida con tecnoloxía RGB, que permitirán unha calidade da luz moi superior, ademais de reducir o consumo un mínimo do 55% con respecto á actualidade. 

Fariña explica que se van instalar sete proxectores novos para iluminar as dúas fachadas da ponte, misturando luminarias que permiten baños de luz homoxéneas con outras máis pequenas que permiten acentuar partes singulares como o cruceiro no interior da ponte, ou remarcar tanto os arcos como outros elementos arquitectónicos. 

Haberá un controlador DMX no cadro de mandos do alumeado público que se suma a outro mando remoto –dispoñíbel a través dun PC, tableta ou teléfono móbil-, polo que unha vez realizada a programación xeral da luz, poderase controlar independentemente cada un dos novos proxectores.

Este novo alumeado ornamental, explica Fariña, permitirá xogar coa intensidade e as cores que se proxectan na ponte (ata 16 millóns de tons diferentes, segundo permite a tecnoloxía esixida no proxecto), variando o seu funcionamento e podendo establecer iluminacións especiais en datas sinaladas como as festas, tempada alta de afluencia turística ou acontecementos nocturnos singulares. 

“A nova iluminación da Ponte Romana aumentará o valor e a singularidade deste noso elemento patrimonial, que a partir de agora non só poderá gozarse polo día, senón que tamén será un espazo de gran beleza durante a noite. Coa tecnoloxía que imos instalar, podemos dicir que a ponte vai ser case como unha pantalla na que se poderán proxectar luces e creatividades”, apunta o tenente de alcalde Manuel Fariña. 

O responsable nacionalista indica que o orzamento da actuación supera os 32.500 euros, conseguidos grazas a unha subvención autonómica. Os traballos de retirada das vellas luminarias comezaron hoxe e continuarán nos vindeiros quince días, salvo que se produzan complicacións pola climatoloxía. A instalación estaba prevista para hai semanas, mais non foi posible realizala debido ás continuas chuvias.

Caldas inicia a instalación da nova iluminación ornamental na Ponte Romana do Bermaña