103.768.000 EUROS

Pontevedra aproba o maior orzamento da súa historia

Imaxe aérea de Pontevedra
Imaxe aérea de Pontevedra
Pontevedra aproba o maior orzamento da súa historia

O Concello de Pontevedra ven de aprobar, co voto en contra do PP, o seu orzamento para o ano 2026, que reflicte a ambición do Goberno Municipal por seguir transformando a realidade desde a estabilidade, a solvencia e a confianza no futuro. O orzamento máis elevado da historia, de 103.768.000 euros que contempla, ademais, un incremento do 24,37% en investimentos. 

Dado o seu interese reproducimos a Memoria a Alcaldía, o documento que marca os obxectivos políticos dos orzamentos agora aprobados

MEMORIA DA ALCALDÍA

Introducción 

O Orzamento xeral do Concello de Pontevedra para o ano 2026 reflicte a ambición deste Goberno por seguir transformando a nosa realidade desde a estabilidade, a solvencia e a confianza no futuro. Nace da convicción de que Pontevedra vive, probablemente, o mellor momento da súa historia en termos de actividade e proxección, pero tamén da certeza de que non podemos conformarnos. 

Afrontar os retos do cambio climático e mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas está na esencia destas contas, ao igual que seguir traballando pola excelencia na prestación de servizos e do sostemento urbano. O orzamento materializa, polo tanto, o noso compromiso, somos Responsábeis; e clave do éxito será a complicidade coa veciñanza. 

O Orzamento de 2026 ascende a 103.768.000 euros, medrando un 5,21% respecto ao ano anterior. Recolle un esforzo inversor histórico de preto de 15 millóns de euros, un incremento de 24,37%. 

Tamén reafirma unha saúde financeira envexable. Cumprimos doce anos consecutivos conxelando taxas e impostos, unha decisión política consciente que supón deixar 14,6 millóns de euros nos petos da veciñanza neste 2026; un aforro medio estimado de máis de 368 euros por familia. A maiores, a recente liquidación da débeda municipal -de máis de 5,5 millóns- permítenos destinar cada euro dispoñible ao servizo da cidadanía, sen pagar xuros aos bancos. 

Para a aprobación do orzamento, quero agradecer o entendemento alcanzado co Grupo Municipal Socialista; un acordo que demostra que, fronte á crispación que se vive noutros lugares, en Pontevedra impera a responsabilidade de poñer o interese xeral da veciñanza por riba de todo, a pesar do esforzo no sentido contrario dalgunhas forzas políticas. 

Responsábeis co planeta 

No Goberno Local temos claro que o futuro verde non é simplemente unha cuestión estética, senón un cambio de paradigma que esixe exercer as nosas responsabilidades para deixar un planeta mellor ás vindeiras xeracións. Este orzamento concentra o maior esforzo económico e de xestión do mandato en proxectos ambientais. 

A renaturalización dos Gafos 

A renaturalización do tramo urbano do río dos Gafos é un proxecto de vangarda, unha actuación "quilómetro cero" única no Estado coa que queremos reverter o atentado ecolóxico que supuxo tapar o río nos anos 70. Hoxe podemos dicir que a obra é unha realidade inminente. O contrato xa está adxudicado e consignamos neste 2026 unha partida específica de 4.209.300 euros para a súa execución material. 

A intervención actuará no treito entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín levantando a lousa de formigón, rebaixando os muros de contención e permitindo que a auga volva estar en contacto co aire e a terra, recuperando a permeabilidade da capa freática. Trátase de devolverlle a vida, a luz e a biodiversidade ao río que travesa o corazón da cidade. 

A solución para o Valdecorvos 

Ser responsábeis co ambiente tamén implica tratar de paliar as consecuencias de eventos climáticos como os que provocan o desbordamento do regato de Valdecorvos en momentos de intensa chuvia e preamar, e que asolaga a rúa Fernando Olmedo. 

Para acometer este desafío, o Concello mantén unha colaboración activa coa Xunta de Galiza —a través de Augas de Galiza—, traballando conxuntamente no deseño de solucións hidráulicas innovadoras que permitan controlar as enchentes nos momentos críticos. 

Pendente de clarificar cal das dúas administracións asumirá o custe do proxecto, o Concello conta xa con plena garantía de execución ao dispor de financiamento europeo ratificado a través da estratexia EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local dos fondos FEDER), que destina 3 millóns de euros para o eixo A Seca-Valdecorvos, na que se atopa esta infraestrutura hidráulia. 

Completando a renovación LED da iluminación pública 

Pontevedra é xa un referente na loita contra a contaminación lumínica, pero neste 2026 daremos o impulso definitivo para completar a renovación da iluminación pública do concello. Tras ter modernizado practicamente todo o rural e barrios como o Burgo, Monte Porreiro ou A Seca, e logo de actuar na zona sur da cidade (Rosalía de Castro, Campolongo, María Victoria Moreno...), afrontamos agora a fase final. 

Neste exercicio investimos 2.321.000 euros na renovación integral da iluminación na zona centro-norte-leste da cidade. Substituiremos centos de puntos de luz obsoletos por tecnoloxía LED de última xeración. Esta actuación non só mellorará a seguridade peonil, senón que reducirá drasticamente a nosa pegada de carbono e a factura eléctrica municipal. 

Responsábeis cos nosos residuos 

Ser responsábeis co planeta tamén esixe mudar radicalmente a nosa relación cos residuos. Destinamos 11.911.700 euros ao novo contrato de xestión neste 2026, e estamos a traballar arreo para implementalo na súa totalidade co despregue da nova contenerización para as fraccións verde, azul e amarela; co reforzo de persoal e maquinaria de limpeza que nos permite coidar mellor dos espazos públicos; habilitando novos puntos para a recollida de aceite doméstico usado; creando novos centros de compostaxe comunitaria no ámbito urbano até completar unha rede que chegará a 100; ou iniciando as visitas porta a porta para repasar e potenciar a compostaxe individual nas vivendas unifamiliares. 

Nos vindeiros meses virán máis novidades: o novo sistema de recollida de residuos domésticos no centro histórico, a recollida porta a porta do comercio ou os puntos limpos móbiles que percorrerán o concello, entre outras. 

Ademais, teño grandes esperanzas postas no contrato de información bidireccional de residuos que xa está en vigor realizando un traballo de campo exhaustivo entre o comercio e a hostalería para coñecer a súa produción. Disporemos de datos precisos dos grandes produtores, o que nos permitirá axustar o servizo ás necesidades reais e avanzar cara a unha fiscalidade máis xusta baseada na realidade e non en estimacións. 

Aspiramos a cumprir coas esixentes normativas europeas canto antes, tanto por imperativo legal, como por convicción, e grazas á colaboración dunha veciñanza que é exemplo de civismo. 

A Xunqueira da Gándara 

Para pechar este bloque de acción climática, manteño o compromiso por completar a recuperación integral da Xunqueira da Gándara. 

Tras lograr o fito histórico da apertura da entrada por Domingo Fontán coa retirada das instalacións provinciais, o obxectivo neste 2026 céntrase en materializar as negociacións en curso coa Xunta de Galiza e a Dirección Xeral de Tráfico. A folla de ruta está marcada: trasladar as dependencias autonómicas (Medio Rural e a Axencia Galega de Infraestruturas) e o centro de exames da DXT a novas localizacións, para o cal o Concello xa puxo sobre a mesa a cesión de dúas parcelas de 13.000 metros cadrados no Polígono do Campiño para a DXT, e tamén mantemos contacto coa Xunta para o traslado das dependencias autonómicas. 

Responsábeis cos barrios 

Tamén somos Responsábeis coa atención nos barrios ao despregar un esforzo investidor sen precedentes para ampliar a trama urbana, dotar de novos equipamentos ás zonas de expansión e garantir o dereito ao espazo público que tanto respectamos e defendemos no Goberno local. 

A Parda 

A Parda consolídase neste mandato como un dos epicentros da transformación urbana. A actuación máis visible é a execución do parque urbano máis grande da cidade, un espazo de máis de 34.000 metros cadrados que conectará a trama residencial coa senda do río dos Gafos. Neste 2026, o proxecto que xa leva en marcha un ano, conta cunha anualidade de 2.119.600 euros para crear novas zonas de lecer, miradoiros, áreas deportivas... 

Pero o noso compromiso co barrio vai máis alá do parque. Estamos a investir na reurbanización da pasarela sobre a vía do tren na rúa Doce de Novembro 710.972 euros, transformando unha cuberta infrautilizada nunha praza pública de 2.500 metros cadrados. Con esta proposta conectamos a rúa Hortas con Santa Teresa de Jesús Jornet e melloramos a permeabilidade peonil do barrio. 

Esta aposta pola Parda vese referendada pola adquisición da antiga parcela de Fenosa situada ao carón do cemiterio de San Amaro, un terreo de máis de 17.500 metros cadrados que permitirá centralizar servizos municipais e dotar de novos equipamentos ao barrio de máis crecemento da cidade. 

Neste intre, estamos a elaborar o plan de usos onde xa proxectamos o futuro edificio de emerxencias ou a base do guindastre municipal. De xeito paralelo, permanecemos moi pendentes da evolución do Plan de Interese Autonómico (PIA) da Xunta de Galiza para a construción de vivenda protexida en San Amaro, convencidos de que o seu desenvolvemento resultará determinante tanto para o parque residencial, como para optimizar a mobilidade na contorna, multiplicando así a operatividade e o potencial desta nova parcela municipal. 

Mollavao 

2026 será un ano decisivo para Mollavao que afronta a súa transformación máis ambiciosa. A partida económica reservada nos orzamentos para a reforma integral da rúa Rosalía de Castro e a apertura do novo viario na parcela dos circos é de 1.863.300 euros. Non só mellorará a estética, senón que reformulará a mobilidade e resolverá problemas de seguridade viaria reducindo a calzada a un único carril e ampliando beirarrúas. 

Tamén vimos de recibir a proposta técnica de renaturalización da parcela dos circos para convertela nunha zona verde. E, a pesar das complexas xestións, non decae o interese para comprar os terreos da antiga construtora Malvar co obxectivo de trasladar alí o estacionamento de bordo. 

A esta estratexia de rexeneración do barrio súmase a adquisición do antigo edificio do transformador de Fenosa, situado ao carón da rúa Licenciado Molina, unha operación posible para adecentar e recuperar este espazo degradado para o uso público. 

Monte Porreiro 

Este 2026 marcará un punto de inflexión na calidade de vida da veciñanza de Monte Porreiro, un dos barrios máis populosos e con maior identidade de Pontevedra. O novo Pavillón municipal conta neste orzamento cunha partida específica de 2.331.000 euros (o investimento total é de máis de 6,2 millóns de euros) e converterase nunha referencia municipal. Será un edificio semisoterrado que xerará na súa cuberta unha gran praza pública de 5.000 metros cadrados para o goce da veciñanza. 

Ademais do pavillón, renovaremos totalmente o campo de fútbol-rugby, o centro sociocultural coa creación dunha nova aula TIC e a reurbanización completa de arterias fundamentais como as rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido, así como a remodelación da Praza de Europa. 

Monte Porreiro é, polo tanto, o destinatario dunha operación estratéxica sen parangón cun investimento de 10 millóns de euros que será financiado nun 60% (8.730.304 euros) por fondos europeos FEDER da EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local). Esta estratexia, aprobada definitivamente a finais de 2025, ascende a 14,5 millóns de euros para toda a cidade, pero este Goberno ten o firme propósito de executar a totalidade dos proxectos presentados (valorados en 20 millóns de euros), suplementando con fondos propios ou captando outros para non deixar ningunha actuación atrás. 

Este despregue económico marca o inicio dun longo ciclo de investimento sostido en Monte Porreiro.

A Seca-Valdecorvos 

A mencionada estratexia EDIL é un instrumento de financiamento a desenvolver en varios anos. Por iso, aínda que non todas as actuacións aparecen con financiamento para a súa obra material neste 2026, si contemplamos as partidas necesarias para a redacción dos proxectos técnicos pertinentes, garantindo así que poidan ser executados nos vindeiros orzamentos. 

É o caso do proxecto para xerar un novo espazo de centralidade sobre a cuberta da vía do tren no barrio da Seca. Neste exercicio, definirase tecnicamente esta obra que busca superar o "efecto barreira" ferroviario, integrar o barrio e crear novas zonas de esparexemento, deixando todo listo para a súa materialización futura baixo a financiación dos fondos europeos. 

Como xa comentei máis arriba, neste mesmo ámbito xa está moi avanzado o estudo das solucións hidráulicas para o regato de Valdecorvos, fundamentais para evitar os asolagamentos en Fernando Olmedo. 

Casimiro Gómez, Luís Seoane, Serra, Juan Bautista Andrade e Augusto García Sánchez 

Este orzamento non soamente proxecta grandes obras, senón tamén actuacións singulares alí onde a trama urbana o necesita. 

A intervención na rúa Casimiro Gómez está encamiñada. O orzamento de 2026 recolle unha partida específica de 543.500 euros para a súa reforma integral. Renovaremos a totalidade dos servizos soterrados — actualmente moi deteriorados— e transformaremos a rúa nun espazo de calidade con plataforma única e arborado. É, en definitiva, mellorar a calidade de vida da veciñanza. 

Na rúa Luís Seoane transformaremos unha vía sen saída nun novo espazo de convivencia de alta calidade. Este proxecto, actualmente en pleno proceso de licitación por 368.100,19 euros, converterá o fondo de saco nunha nova praza urbana creando unha plataforma única na contorna da avenida de Vigo. 

Nesta mesma liña de completar a trama urbana, destaca a reurbanización na contorna da rúa Serra. Tras lograr a cesión por parte do IGVS dunha parcela de 800 metros cadrados, temos xa en marcha o proxecto para integrar este espazo nas traseiras dos edificios. O obxectivo é resolver o encontro entre a cabeceira sur da ponte de Santiago e a cidade, eliminando os actuais percorridos en zigzag para crear unha nova zona verde e estancial mellorando a accesibilidade e a mobilidade peonil. 

Finalmente, a nosa responsabilidade é tamén planificar o mañá. Por iso, este orzamento non só executa, senón que proxecta, incluíndo as partidas necesarias para elaborar os estudos de reurbanización de Augusto García Sánchez e de Juan Bautista Andrade. Queremos repensar estes espazos para adaptalos aos máximos estándares de calidade, estudando a mobilidade e o deseño para seguir completando o modelo de cidade. 

Avenida de Compostela 

Nesta visión de cidade que está a medrar, temos unha oportunidade histórica na zona norte grazas á recente cesión da antiga N-550. Este fito permítenos planificar a transformación integral da avenida de Compostela para convertela nunha vía urbana, amable e integrada na trama da cidade. 

Xa temos en marcha un estudo de todo o ámbito co obxectivo de acabar co illamento do Campus universitario, eliminando barreiras como o actual paso inferior de Francisco Asorey e mellorando a conectividade para os centos de estudantes que transitan a zona a diario. Ademais, ao reformular esta entrada a Pontevedra, desbloquearemos unha bolsa de solo capaz de acoller entre 1.200 e 1.300 novas vivendas. 

Responsábeis cos espazos públicos 

Ser Responsábeis cos espazos públicos implica entender que unha vez que remata unha obra, comeza a obriga de coidala para que perdure. Ao inicio deste mandato, fixei como liña fundamental e prioritaria de traballo o mantemento e a conservación dos espazos públicos. Neste orzamento de 2026, elevamos as partidas de conservación para garantir a excelencia destes lugares. 

Neste sentido, o mantemento urbano experimenta neste exercicio un crecemento sostido do 11,25%, sumando 95.000 euros máis respecto ao ano anterior para acadar un investimento total de 845.000 euros. 

Esta filosofía de coidado integral esténdese tamén aos equipamentos. Reforzamos o mantemento dos centros escolares cun incremento do 10,63%, acadando os 470.000 euros. 

E do mesmo xeito, atendemos ao patrimonio aumentando nun 45,97% a partida para a conservación de fontes, destinando 80.000 euros a preservar estes elementos singulares. 

Ademais, a contía destinada ao coidado do rural dispárase neste 2026 un 27,97%. Estamos a falar dun aumento de 265.700 euros destinados especificamente á limpeza de beiravías. Este esforzo orzamentario súmase aos contratos de mantemento de rozas, á limpeza viaria e á conservación dos núcleos, elevando a cifra total até os 950.000 euros. 

Ao mesmo tempo, este orzamento blinda un investimento específico de 864.500 euros para mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil en núcleos concretos como Outeiro (Lérez) e Pereiras (Mourente). 

Responsábeis coa vivenda 

Tamén queremos ser Responsábeis abordando sen demoras un dos principais problemas da sociedade actual: o acceso á vivenda. Somos plenamente conscientes do momento de dificultade que atravesa o mercado inmobiliario. Fronte a isto, o Concello non se pon de perfil, senon que estamos a despregar todos os recursos urbanísticos ao noso alcance e colaborando lealmente con outras administracións para aumentar o parque de vivenda protexida. 

Este orzamento de 2026 financia con 96.800 euros a realización dun estudo pormenorizado sobre a situación da vivenda en Pontevedra. Este traballo técnico, que se atopa nestes momentos en plena fase de contratación, permitiranos contar cunha radiografía exacta e actualizada da realidade inmobiliaria. 

Tamén quero destacar a colaboración coa Xunta de Galiza e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) poñendo a disposición parcelas de titularidade municipal para desbloquear a construción de vivenda pública, unha necesidade urxente tras máis de 15 anos sen actuacións deste tipo na cidade. 

Formalizamos a cesión de parcelas en tres ámbitos: Tafisa, Valdecorvos e A Parda, que permitirá a construción dunhas 125 novas vivendas protexidas sobre terreos que xa están urbanizados e listos para edificar. 

Ademais, remitín unha carta á ministra de Vivenda solicitando que o Estado mobilice as tres grandes bolsas de solo da súa titularidade na cidade para destinalas a vivenda protexida. Son os terreos de Defensa en Campolongo-Mollavao, á Finca do Teucro (propiedade da Sareb) e aos solares da avenida do Uruguai. 

Estamos a falar dun potencial urbanístico que podería poñer no mercado centos de novos fogares —só en Campolongo estímase unha capacidade superior ás 200 vivendas e no Teucro dunhas 190—. 

Responsábeis coa promoción da cidade e da cultura 

Ser Responsábeis coa promoción da cidade e co seu posicionamento exterior esixe manter un calendario vibrante que dinamice a economía local durante os doce meses do ano. Todo o que sucede en Pontevedra non é por casualidade. Por iso, neste orzamento blindamos as grandes citas festivas dende o Entroido até o Nadal (que incrementa a partida de iluminación en 45.000 euros) pasando polas festas de verán coa imprescindible Feira Franca, ademais da potente actividade musical con festivais consolidados como o Río Verbena ou Surfing The Lérez, e o novo Big Sound. 

O obxectivo é seguir sendo un polo de atracción aproveitando o retorno que nos brindaron eventos como os Premios Feroz. A súa segunda e última edición foi un éxito absoluto de simbiose coa veciñanza, logrando un retorno publicitario imposible de pagar con fondos municipais. Mantemos as portas abertas a esta e a outras colaboracións que levanten a mesma expectación e retorno económico. 

Ademais queremos recuperar todas as potencialidades do Mercado de Abastos como tarxeta de visita da cidade, por iso abordaremos obras de eficiencia enerxética valoradas en medio millón de euros. 

En relación á cultura, pretendemos dar un salto cualitativo nas infraestruturas coa transformación do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII para convertelo no novo Laboratorio da Creatividade. Trátase dunha rehabilitación integral valorada en máis de 1,3 millóns de euros. Estamos a crear un fervedeiro de innovación que albergará o Seminario Permanente de Jazz, unha aceleradora de economía social e unha residencia para creadores, convertendo un edificio en desuso nun motor cultural. 

Do mesmo xeito, neste orzamento de 2026 tamén se inclúen o remate da actual fase de reforma do Teatro Principal e o inicio da reparación do Pazo da Cultura. Tras a instalación da malla de seguridade na fachada, os informes técnicos determinan a necesidade de renovar a envolvente do edificio garantindo a seguridade e a estética. 

Tamén no eido cultural se inclúe a creación da Casa da Cultura de Acevedo, en Ponte Sampaio, cun orzamento de 448.788 euros. Ademais de facer unha nova edificación, tamén se dignifica todo o espazo público circundante: o campo da festa, a contorna da capela e o cruceiro. 

Responsábeis coa igualdade social 

No eido das infraestruturas sociais, temos un compromiso ineludible coa atención ás persoas e colectivos que máis o precisan. Neste orzamento impulsamos o proxecto de reforma da Casa Azul, co obxectivo de mellorar as súas instalacións para dar un servizo máis acaído aos colectivos sociais e veciñais que alí desenvolven o seu labor. 

Así mesmo, retomamos a reforma da residencia do Centro Sur. Tras o éxito da residencia de Amencer nos andares intermedios, é a nosa vontade completar a reforma integral do inmoble actuando nos dous últimos andares. O obxectivo é poñelos a disposición das entidades Cogami e Amizade, pechando así o círculo dun gran complexo social de referencia na cidade. 

Responsábeis co deporte 

Este orzamento inclúe partidas específicas para a renovación do céspede sintético dos campos de fútbol de Cerponzóns e Gatomorto, cuxa vida útil xa o facía necesario, así como a instalación de novo alumeado no campo de fútbol de Marcón. Ademais, mantemos o contrato de mantemento de infraestruturas deportivas para atender aos pequenos arranxos do día a día. 

Dentro das infraestruturas deportivas, quero determe especialmente nun proxecto que sufriu unha longa e complexa travesía administrativa e que, por fin, ten o camiño despexado: a nave de piragüismo. 

Froito de moitos meses de traballo a tres bandas (o club, Portos de Galiza e o Concello), chegouse ao acordo necesario que se materializará na sinatura dun convenio para permitir a construción da nave. Agardo que coa vía administrativa clarificada, o proxecto da instalación poida ser unha realidade. 

Tamén no eido deportivo, o horizonte deste 2026 está marcado pola Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará entre o 23 e o 27 de setembro. Trátase dun fito histórico, pois ningunha cidade ten repetido sede nesta competición, e suporá a chegada de centos de visitantes a Pontevedra; ao igual que a Copa do mundo de natación artística que se celebrará na piscina olímpica de Ponte Muíños a finais do mes de maio. 

Relacións coa Deputación Provincial 

Neste momento, véxome na necesidade de abordar con total franqueza e con preocupación a deriva que tomaron as relacións coa Deputación Provincial no último exercicio. 

Se ben mantivemos a lealdade institucional en canto á colaboración para grandes eventos que proxectan a nosa provincia —como foron os Premios Feroz ou o Multisport de Tríatlon, aínda que con contías moi inferiores a anos anteriores no caso do Tríatlon—, non podo ocultar a miña profunda decepción e rexeitamento ante o trato financeiro discriminatorio que está a recibir Pontevedra. Como lle trasladei por escrito ao presidente da Deputación, estamos ante unha "situación anómala" que rompe cun consenso histórico respectado durante décadas. 

Dende o ano 1999 até o 2023, baixo mandatos de diferentes cores políticas —con presidentes como Abeledo, Louzán ou Carmela Silva—, a Deputación sempre mantivo un trato respectuoso co status de capital. A cidade sempre ocupou o primeiro ou o segundo lugar nas transferencias de fondos, recoñecendo o noso papel como capital, sede da institución provincial e segunda cidade en poboación. Porén, os datos da liquidación máis recente son teimudos e dolorosos: Pontevedra pasou a ser o concello número 11 na táboa de transferencias provinciais. 

Relacións coa Xunta de Galiza 

Coa Xunta de Galiza mantemos unha relación correcta e de colaboración institucional que está a dar froitos. Sabemos que a Xunta acerta cando rectifica, e neste último ano vimos avances significativos en cuestións cruciais para a cidade que levaban tempo esquecidas. 

O exemplo máis claro é o desbloqueo da Variante de Alba. Tras máis de dúas décadas intentándoo, finalmente conseguimos que a administración autonómica elaborase un proxecto amable e integrador, ao que o Concello vén de emitir un informe ambiental favorable. Para facelo posible, solicitamos ao Estado a cesión do tramo da N-550 e, unha vez recibida a titularidade, puxémola a disposición da Xunta para que poida executar a obra. Agora que os trámites están encamiñados, a miña esperanza é que non se paralice de novo e que esta infraestrutura vital para a mobilidade do norte do concello sexa unha realidade canto antes. 

Neste marco de diálogo xa trasladei á Xunta a petición -avalada pola unanimidade de toda a Corporación municipal- de mellorar a estrada PO-224. Logo de acordar o rexeitamento de continuar a circunvalación de Pontevedra polos tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro, instamos á Xunta a que invista na mellora da capacidade e do trazado da PO-224, unha vía que apenas se tocou nos últimos 40 anos e que resulta esencial para conectar as parroquias do leste, como Bora ou Xeve, co Salnés e Vilagarcía sen necesidade de cruzar a cidade. 

Teño que mencionar a colaboración do Concello coa sanidade pública, achegando máis de 16 millóns de euros para dotar de servizos e accesos ao Gran Montecelo, de cuxo remate estamos pendentes; e a colaboración coa vivenda pública reactivada pola Xunta logo de 15 anos de parálise. 

Na lista de tarefas pendentes está a dragaxe do río Lérez, unha actuación ambiental que segue a ser unha débeda coa nosa ría. 

Relacións co Estado 

No que atinxe ás relacións co Estado, non podemos estar satisfeitos. A realidade é que, malia as boas palabras nalgúns eidos, atopámonos cunha situación de parálise en infraestruturas vitais que resulta preocupante para o desenvolvemento da cidade. 

O exemplo máis flagrante é o nó de bombeiros, unha obra fundamental para a mobilidade que se atopa paralizada, sen avances visibles nin explicacións convincentes sobre a súa reactivación, a pesar de que é estratéxica para artellar o tráfico de saída da cidade cara o norte, e que levamos reclamando varias décadas. 

Pero onde a situación acadou un punto crítico é na autovía de Marín (PO-11). A inacción do Goberno central obrigounos a elevar unha queixa formal ante o Ministerio de Transportes pola súa "manifesta pasividade" fronte aos recorrentes asulagamentos desta vía. Resulta inaceptable que, sendo un problema coñecido dende hai anos, a única resposta fose incluír a zona nun estudo macro a nivel estatal, sen que iso se traduza en ningunha solución práctica nin proposta concreta enriba da mesa. A cambio, xera un caos circulatorio que perxudica gravemente a Pontevedra, a veciñanza de Lourizán, e tamén ao veciño concello de Marín. 

Do mesmo xeito, lamentamos a falta de información e de pasos adiante no proxecto do paseo cara a Marín, unha actuación necesaria para seguir a recuperar a fachada litoral que segue sen concretarse. 

Aínda que valoramos a colaboración noutros eidos, como a cesión da N-550, a autorización para o by-pass de Mollavao, o avance na tramitación da reforma e ampliación da praia fluvial de Ponte Sampaio, o ritmo global de execución e o abandono de infraestruturas clave como a PO-11 ou o nó de bombeiros demostran que o Estado non está a cumprir con Pontevedra como a cidade merece. 

Pontevedra aproba o maior orzamento da súa historia