MÉRCORES 11 DE MARZO

Pontevedra levará o seu modelo urbano até o foro mundial de mobilidade do Banco Mundial en Washington D.C.

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores
Pontevedra levará o seu modelo urbano até o foro mundial de mobilidade do Banco Mundial en Washington D.C.

Pontevedra, 5 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou hoxe en rolda de prensa a súa participación no foro anual de mobilidade "Transforming Transportation", que se celebrará na sede do Grupo Banco Mundial en Washington, D.C. O rexedor viaxará este luns, acompañado polo director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas, para expoñer o modelo de mobilidade de base peonil da cidade. 

O congreso é a principal conferencia mundial sobre solucións de transporte, coorganizada polo Banco Mundial e o Centro WRI Ross para Cidades Sostibles. O convite a Pontevedra xurdiu tras a recomendación dun experto que coñeceu o modelo da cidade a través dunha conferencia no Colexio de Enxeñeiros na Coruña. 

Segundo destacou o alcalde, os organizadores do foro convidaron á cidade ao considerala "un exemplo de boas prácticas recoñecido internacionalmente como un referente". "Encheme de orgullo e satisfacción que inviten á cidade de Pontevedra a estar presente", sinalou Lores, engadindo que o obxectivo da viaxe é "posicionar Pontevedra no máximo nivel”. 

A intervención do rexedor terá lugar o mércores 11 de marzo, entre as 15:50 e as 17:20 horas. O rexedor será o relator principal da sesión titulada "Mobilidade activa: camiños cara ao emprego e á prosperidade". Neste panel debaterase sobre como a creación de espazos seguros para peóns e ciclistas actúa como un poderoso catalizador para a creación de emprego, o desenvolvemento económico e o dinamismo comercial. O alcalde exporá como o modelo urbano de Pontevedra apoiou os empregos no turismo, a hostalería e o comercio polo miúdo, amais de acadar o fito de sumar 15 anos sen mortes por accidentes de tráfico. 

A mesa estará moderada por Claudia Adriazola-Steil, directora do Programa Global de Saúde e Seguridade Viaria e directora adxunta de Mobilidade Urbana Global do Instituto de Recursos Mundiais (WRI). Xunto ao rexedor pontevedrés, o panel contará cos seguintes expertos internacionais: 

  • Shelley Bontje, xerente de Coñecemento e Colaboracións da Embaixada de Ciclismo dos Países Baixos. 
  • Humphrey N. Kanyenye, coordinador de proxectos e estradas urbanas da Axencia de Estradas Rurais e Urbanas de Tanzania. 
  • Mirko Radovanac, presidente da Campaña Ciclista Yugo en Serbia. 
  • Pablo Souza, secretario de Mobilidade da cidade de Salvador, Bahía (Brasil). 
  • Nhan Tran, xefa da Unidade de Seguridade e Mobilidade da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Durante a estadía no congreso, a delegación pontevedresa aproveitará os espazos de networking para intercambiar experiencias, establecer posibles contactos e interactuar con outras delegacións, incluída a representación do Goberno de Estado presente no evento. 

Pontevedra levará o seu modelo urbano até o foro mundial de mobilidade do Banco Mundial en Washington D.C.