O RÚA JUAN CARLOS I PASARÁ A DENOMINARSE VIRXINIA PEREIRA RENDA

Pontevedra inicia os trámites para retirar todas as distincións a Juan Carlos I

carme-fources-rolda
Pontevedra inicia os trámites para retirar todas as distincións a Juan Carlos I

Pontevedra, 13 de novembro de 2020. A concelleira de Cultura, Carme Fouces vén de anunciar que o Concello acorda iniciar expediente para a retirada do nome de Juan Carlos I do nomenclator das rúas da cidade, propoñendo para o citado vial o nome de Virxinia Pereira Renda. "Virxinia Pereira representa a antítese do que é Juan Carlos I, porque foi unha muller que antepuxo sempre o servizo ao país ao seu benestar, sacrificou o seu status social e todo o seu patrimonio para poñelo ao servizo dun ideario e dun soño" asegurou Carme Fouces.

A concelleira explicou que esta decisión chega tras as evidencias de que Juan Carlos I "non é merecedor" de denominar unha rúa e que a retirada do seu nome "é un exercicio de decencia e hixiene democrática inaprazable". Sobre este punto explicou que as denominacións honoríficas das rúas teñen por finalidade "expresar o recoñecemento a persoas que se significasen pola integridade, exemplaridade e honestidade na súa traxectoria vital, pola defensa dos valores democráticos e dos dereitos e das liberdades públicas, así como pola súa contribución á mellora material, social e cultural". Criterios que, evidentemente, non se cumpren no caso do Rei emérito tras as revelacións xornalísticas sobre "a vida pouco edificante de Juan Carlos I e a perversa utilización do público para o beneficio privado", a través "dos seus presuntos negocios ilícitos, das investigacións xudiciais sobre cantidades millonarias de diñeiro de dubidosa procedencia e sobre contas en bancos suízos", ao que engadiu "o estrambótico episodio de fuga a un destino descoñecido, nun intento desesperado de salvagardar a desprestixiada imaxe do Rei e da Monarquía". Fouces asegurou que "o Concello de Pontevedra non vai permanecer impasible diante de feitos de tan extrema gravidade" polo que, ademais da retirada do nome da rúa, tamén se lle retirarán todos os honores e distincións concedidos a Juan Carlos I.

O inicio do expediente administrativo deste cambio de denominación foi anunciado por Carme Fouces como presidenta da Comisión de Cultura e avanzou que ademais de ser aprobado na propia Comisión tamén se votará en sesión plenaria.

A concelleira de Cultura explicou que a proposta da nova placa da rúa incluirá a lenda "Virxinia Pereira Renda. Galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao". Indicou que a proposta se fai "seguindo os criterios, aprobados polo Pleno, de feminización dos espazos públicos". Neste sentido, asegurou que "desde o Goberno, estamos moi orgullosas da xusta homenaxe que lle rendemos a Virxinia Pereira" e lembrou que o Concello vén de conmemorar o 50 aniversario do seu pasamento coa edición da súa biografía a cargo da investigadora e xornalista Montse Fajardo. Mencionou ademais a loita de Virxinia Pereira para que a maior parte da obra de Castelao, así como a maior parte dos bens que compartiron, foran depositados no Museo de Pontevedra. "Era unha muller rexa e valente que perdeu todo menos a dignidade e que despois do pasamento do seu home, se converteu na máis firme defensora da súa obra e do seu legado político e artístico, que o franquismo intentou silenciar sen éxito" afirmou .

Pontevedra inicia os trámites para retirar todas as distincións a Juan Carlos I