O NON á megamina Alberta I dá a razón á resposta social e ás demandas do BNG sobre a falta de garantías
Despois de coñecerse a denegación por parte da Xunta da concensión para a explotación do proxecto de Alberta I por existir informes negativos como o da Confederación Hidrográfica, informes que o BNG xa levara ao Parlamento, a formación nacionalista entende que “esta denegación dá a razón á gran resposta social de colectivos veciñais, de montes en man común e ecoloxistas. E dá a razón tamén ás esixencias do BNG, que denunciou o risco de fraude do proxecto mineiro de litio previsto por ocultar un macro proxecto dividíndoo en varios proxectos para eludir trámites ambientais inexcusables”.
Malia ser coñecedor desta situación, o goberno do PP intentou favorecer os intereses das multinacionais depredadoras do territorio e negar información aos colectivos afectados e ante a gran presión social tivo que rectificar porque non había garantías para unha zona moi ampla, que afecta os concellos de Avión, Beariz, Forcarei, Cerdedo-Cotabade e A Lama”.
Noa Presas parabeniza aos colectivos sociais e advirte que o BNG continuará vixiante diante do desleixo da Xunta para que os proxectos mineiros que se impulsen sexan seguros, ambientalmente viables e consensuados coas poboacións afectadas.
Noa Presas remarca que “A Xunta non tivo en conta a afectación a zonas habitadas e produtivas do interior de comarcas de Pontevedra e Ourense, a espazos de grande interese paisaxísticos e ambiental como as serras do Cando e do Suído, e as bacías dos ríos que nacen nelas como son o Oitavén e o Verdugo e tivo que ser a mobilización veciñal e de colectivos en defensa da terra quen fixeran o seu traballo”
Para o BNG “a rectificación é positiva pero non deixa de ser grave e alarmente que amose como o Partido Popular é neglixente e favorece este tipo de situacións de risco polo cambio da lexilación e da normativa de aplicación, no caso de Galiza a lei de minaría, coa lei de implantación empresarial do 2017, coñecida como “lei de depredación” e que se usou para intentar evitar o procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental”. Tal como ditaminou o Tribunal de Xustiza da UE, “a Directiva 85/337 non pode eludirse mediante o fraccionamento dun proxecto, de maneira que a non consideración do efecto acumulativo de varios proxectos non debe ter como consecuencia práctica que sexan eximidos na súa totalidade á obriga de avaliación cando, considerados conxuntamente poidan ter efectos significativos no ambiente”.
Para Presas “o modelo do BNG pasa por declarar estes recursos como estratéxicos con participación pública que permita ao país beneficiarse da súa riqueza mineira e, ao mesmo tempo, se protexa o territorio” e “desde o BNG seguiremos moi atentas á evolución do proxecto e pendentes de que non se repitan as supostas irregularidades cometidas na tramitación do proxecto polos departamentos de minas e de medio ambiente da Xunta e denunciadas polos colectivos sociais, demandaremos que sexan escoitados e as máximas garantías”.