Pontevedra impulsa a reparación do colector do Gafos detrás da estación de autobuses cun investimento de 752.000 euros
Pontevedra, 18 de xuño de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou despois da Xunta de Goberno a tramitación por emerxencia do proxecto de reparación e traslado do colector do río dos Gafos no tramo comprendido entre a rúa Otero Pedraio e a avenida da Estación, por detrás da estación de autobuses.
O obxectivo principal desta obra é pór fin aos vertidos que se estaban producindo no leito do río neste tramo. O alcalde explicou que esta parte do colector viña arrastrando dificultades agravadas recentemente polos temporais, que provocaron a caída de árbores desde parcelas privadas, esnaquizando aínda máis a tubaxe.
Para solucionar esta situación, o proxecto municipal contempla a retirada de 360 metros do colector do interior do río, trasladándoo cara aos bordes do mesmo e conectándoo cos tramos que xa foran apartados durante as obras da estación de autobuses.
O investimento ascenderá a 752.000 euros, un incremento substancial fronte aos 400.000 euros previstos inicialmente, debido ás esixencias técnicas e negociacións con Augas de Galiza. Debido á urxencia por atallar os vertidos, o Concello aprobou o proxecto pola vía de emerxencia para iniciar os traballos tan pronto se reciba a comunicación oficial da autorización autonómica.
Fernández Lores quixo poñer en valor o intenso e complexo traballo de xestión levado a cabo durante os últimos meses para desbloquear a obra. A demora non se debeu a cuestións económicas, senón á dificultade para obter todos os permisos necesarios. Neste sentido, o alcalde agradeceu expresamente o traballo do concelleiro responsable, Xaquín Moreda, e dos técnicos municipais á hora de acadar os acordos de paso tanto cos propietarios particulares afectados como coa Xunta de Galiza nos terreos da estación.