20 E 21 DE XUÑO. PISCINA OLÍMPICA
Pontevedra acollerá o Campionato Galego Alevín de Natación de Verán con 221 deportistas
Pontevedra, 18 de xuño de 2026. A cidade de Pontevedra converterase unha vez máis no epicentro do deporte acuático coa celebración do Campionato Galego de Natación Alevín de Verán, que se disputará os vindeiros 20 e 21 de xuño nas instalacións da Fundación Rías do Sur. A cita reunirá a un total de 221 nadadores e nadadoras (104 homes e 117 mulleres) procedentes de 28 clubs de toda Galiza.
A presentación oficial do evento estivo encabezada pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen puxo en valor o tecido deportivo da cidade e o entendemento entre institucións. "Cando se trata do deporte galego e do deporte de auga, especialmente nesta cidade, é moi sinxelo poñerse de acordo", afirmou a edil, destacando que a actual situación de excelencia "sería impensable" fai tres anos. Gulías tamén agradeceu o esforzo organizativo do Club Galaico, da Fundación Rías do Sur e da Federación Galega de Natación (FEGAN), así como o apoio loxístico e financeiro da Xunta e da Deputación.
Pola súa banda, Juan Carlos Brión, representante da FEGAN, incidiu na importancia de Pontevedra como "un referente". Brión explicou que este campionato ten unha grande relevancia para a categoría alevín, xa que nel se xogarán as marcas mínimas necesarias para clasificar ao Campionato de España. Ademais, subliñou o bo estado de forma da natación galega, reflectido no aumento de 32 participantes con respecto ao campionato de inverno, un crecemento que atribuíu ao "moi bo traballo" das adestradoras.
Alberto Castro, presidente do Club Galaico, club coorganizador da proba, quixo facer un agradecemento especial ao voluntariado da entidade, que traballan intensamente para que o evento se desenvolva á perfección. O Galaico participará con 16 deportistas (6 homes e 10 mulleres), sendo un dos clubs que máis nadadores achega á competición, xunto co Portamiñá (17), Pontareas (16) e Ferrol (16). Castro tamén sinalou o reto que supón para os alevíns competir no formato de verán nunha piscina de 50 metros e destacou que o nivel nas categorías base galegas "está subindo bastante”.
A nivel de infraestruturas, dende o club adiantouse que se están a dar pasos para a modernización das instalacións de Rías do Sur co apoio das distintas administracións. O obxectivo é instalar un "videowall" e pioios de saída olímpicos para converter este complexo na segunda mellor piscina de todo o Estado.
Horarios da competición
O campionato dividirase en catro sesións intensas durante a fin de semana:
Sábado, 20 de xuño: A xornada de mañá comezará co quencemento ás 08:30 horas, seguido da competición ás 10:30 h, coa entrega de medallas prevista para as 12:30 h. Pola tarde, os deportistas quencerán ás 15:00 h, arrincando as probas ás 17:00 h e rematando cos podios ás 19:30 h.
Domingo, 21 de xuño: Todo adiantarase media hora para facilitar o regreso dos equipos. Pela mañá, o quencemento será ás 08:00 h, a competición ás 10:00 h e a entrega de medallas ás 12:30 h. Pela tarde, os quecementos arrancarán ás 14:30 h, a competición ás 16:30 h e clausurarase o campionato coa derradeira entrega de metais ás 18:45 h.
A entrada será un punto de encontro para o futuro da natación galega e unha mostra máis da capacidade organizativa de Pontevedra, descrita pola concelleira Anabel Gulías como unha "cidade moi acolledora".