Pontevedra goza dun verán amábel, espectacular e dinámico, atopando e consolidando un equilibrio ideal dentro da súa programación
Aínda que o refraneiro diga que Peregrina, inverno enriba, o certo é que o verán pontevedrés non remata aquí e exténdese até a Feira Franca, o 5 e 6 de setembro.
O alcalde de Pontevedra, non obstante, aproveitou o remate da semana grande das festas da Peregrina, para facer balance do verán pontevedrés, destacando as máis de 300 actividades contempladas no programa e os milleiros de persoas que pasaron e están a pasar pola cidade. Definiu o verán pontevedrés como un verán “amable, equilibrado, espectacular e, sobre todo, dinámico”. “Coido que abonda saír polas rúas de Pontevedra, mañá, tarde ou noite, para comprobar que a cidade estivo de bote en bote”.
“Ao final o que tentamos conseguir, e coido humildemente que o logramos, é que a xente fose feliz durante estes meses, tanto a veciñanza como todas as persoas que nos visitan”, sinalou. “Aínda temos por diante citas realmente importantes, e quero insistir en que nada acontece por casualidade. Hai un traballo de anos».
Fernández Lores destacou a importancia de ter unha identidade propia á hora de establecer e elaborar o programa das Festas, e nese sentido lembrou o potencial dos artistas do país, como foi o caso de The Rapants, que encheron até a bandeira a praza do Concello coa súa actuación, e cuxo concerto levaba pechado desde hai un ano. “Naquel momento non tiñan o tirón que se viviu a semana pasada, mais tomamos a decisión política de apostar polo talento e potencial deste país, apostamos por traer grupos da nosa terra e demostramos que enchen prazas e que milleiros bailan con eles e elas”.