MANUEL FARIÑA CALCULA QUE OS CONCERTOS, VERBENAS E O RESTO DA PROGRAMACIÓN REUNIRON ARREDOR DE 80.000 PERSOAS NA VILA
Balance "apoteósico" das festas de verán en Caldas
“Intensas e as máis multitudinarias da historia en Caldas. As festas de agosto deste ano foron apoteósicas”. Así cualificou a semana grande das festas de Caldas de Reis o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, quen subliñou que o medio cento de actos organizados polo Concello, principalmente os concertos e as verbenas, reuniron arredor de 80.000 persoas na vila ata conseguir un “cheo total”.
Fariña destacou que a participación foi masiva en todas e cada unha das citas propostas a calquera hora do día, dende o pregón e a Feira Tradicional ata os fogos de artificio. “Celebramos, convivimos e gozamos das nosas festas dunha maneira totalmente exemplar. O Concello fixo o esforzo de traer espectáculos potentes e de calidade e a resposta non puido ser mellor”, subliñou o nacionalista, satisfeito pola excelente acollida dos eventos deste ano, deseñados para todos os públicos.
O concelleiro subliñou que ante a previsible avalancha de público o Concello tivo que cambiar a súa decisión inicial de facer os concertos no patio do Colexio da Encarnación, levándoos á Carballeira, onde había unha maior capacidade. “A decisión do traslado, coidando ao máximo a protección do espazo natural, foi totalmente correcta porque enchemos ata a bandeira”, sinala, lembrando que en breve iniciarase a rehabilitación integral do xardín e a carballeira.
A elección de artistas para os concertos e das orquestras para as verbenas “tamén foi un acerto pleno”, segundo o responsable municipal, xa que Guadi Galego, a Banda Municipal ft. Ortiga, Loita Amada e Dakidarría xunto coa Panorama, Combo Dominicano, Gran Parada, Ardores, Dr. Slump Banda, América de Vigo e a discoteca móbil ‘Euphoria’ “serviron para atender todos os gustos musicais e para atraer non só xente da comarca, senón tamén de fóra”. “O movemento económico que xeramos foi espectacular, non cabía máis xente en Caldas”, sostén Fariña.
Finalmente, como cada ano, o edil do BNG agradeceu o traballo que realizaron todas e todos os que participaron na organización dos festexos, xa que “tanto traballadores municipais, equipo técnico, corpos e forzas de seguridade e Protección Civil, así como o persoal de limpeza, e tamén o noso tecido social e empresarial xuntaron esforzos para conseguir a mellor edición da historia das nosas festas de agosto en Caldas”