OS CAMPIONATOS MULTISPORT ACHEGARÁN Á CIDADE MÁIS DE 10.000 PERSOAS E MÁIS DE 3000 PEDORTISTAS

Pontevedra e Gómez Noia, multicampións de Triatlón

Presentación do Multisport
Presentación do Multisport
Pontevedra e Gómez Noia, multicampións de Triatlón

Pontevedra, 18 de xuño de 2025. “Pontevedra é como Javi Gómez Noya, multicampión do mundo de tríatlon”, indicou o alcalde Lores na presentación do campionato Multisport que se celebrou no vestíbulo do pazo consistorial. 

Referíase o rexedor coa súa comparación entre a cidade e o triatleta a que ambos conseguiron un papel destacado neste deporte. Precisamente o primeiro mundial que celebrou Pontevedra foi o de Dúatlon, cando aínda non estaba incluído no Multisport. Desde entón é o cuarto mundial —o segundo en formato multisport— e o próximo ano celébrase de novo a Gran Final. 

Polo demais, Lores quixo felicitar ao gran número de persoas que traballan na organización, capitaneadas polo Servizo Municipal de Deportes, a cuxo responsable, Jaime Agulló, citou especialmente, xa que nel recae o peso de toda a organización. Así mesmo, agradeceu o gran traballo que realizan as e os voluntarios, coordinados pola Oficina de Voluntariado de Pontevedra; un dispositivo no que se inclúen, ademais de persoas particulares, outras que forman parte da Brilat, a Escola Naval, o Centro Penal da Lama, a Asociación Xoan XXIII ou a Asociación contra o cancro, entre outras múltiples entidades que achegan o seu esforzo. 

O director técnico da Fetri, Jorge García, congratulouse do ambiente que se vive en Pontevedra: “nada máis chegar á cidade xa notas a esencia do tríatlon, xa percibes como toda a cidade está envorcada no evento para que sexa un éxito, con todas as áreas municipais entregadas”. 

Foi a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen presentou o acto lembrando que Pontevedra é a cidade “que fai doadas as cousas difíciles”, en referencia a “un modelo de cidade que nos permite realizar probas tanto en pleno medio urbano, sen ter que levalas aos arredores, como en plena natureza”, como este ano ocorre coas competicións cross que rodearán o encoro do Pontillón. Competicións, que en palabras de Gulías, “buscan a excelencia e a calidade”. 

“Cando nos permitan ter unha Selección Galega de Triatlón seremos unha gran potencia”, dixo Javier Campos, Presidente da Federación Galega de Triatlón ao referirse aos 165 galegos e galegas que tomarán parte neste mundial, entre as competicións de elite e as de grupos de idade. Agradeceu que a cidade se implique de tal xeito no evento e considerou un auténtico luxo que se celebre en casa. 

Pontevedra e Gómez Noia, multicampións de Triatlón