ENTREGARASE O 15 DE ABRIL
Pontevedra galardoada en Costa Rica co III Premio Internacional ‘A cidade é a xente’ Memorial Eusebio Leal Spengler
![César Mosquera](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/11/2025021117070941565.jpg)
Pontevedra, 11 de febreiro de 2025. Pontevedra volve ser recoñecida como unha urbe especial no mundo. Nesta ocasión, a cidade do Lérez vén de ser galardoada co III Premio Internacional ‘A cidade é a xente’ Memorial Eusebio Leal Spengler, cuxa entrega se materializará no IV Congreso ICOUL San José 2025, en Costa Rica.
O edil de Mobilidade, César Mosquera, foi o encargado de anunciar este recoñecemento, concedido porque Pontevedra “leva anos posicionada no ámbito internacional como un referente en canto á transformación do seu modelo urbano en materia de mobilidade, accesibilidade ou seguridade viaria, entre outros aspectos, o que a aliña perfectamente cos obxectivos de ICOUL, que fronte á opción tradicional de crear máis e máis cidade, aposta por transformar a cidade como novo paradigma de desenvolvemento urbano sostible”, tal e como indican no comunicado emitido desde o Comité Organizador ICOUL San José 2025.
Pontevedra toma así o relevo dos anteriores galardoados co mesmo recoñecemento, a cidade de Rosario (Arxentina) no 2017, e a Axencia São Paulo Urbanismo da Prefeitura de São Paulo (Brasil) no 2023.
O ICOUL conta con distintos patrocinadores, tales como o que sería a FEGAMP de Costa Rica, a Deputación de Barcelona, o Concello de San José de Costa Rica ou a Universidade Aberta de Catalunya. “É unha excelente oportunidade para dar a coñecer a Pontevedra, nun campo como é Iberoamérica, para tentar tecer boas e novas relacións. Que nos dean este premio é sen dúbida unha boa noticia”, explicou Mosquera. “Se ben recibimos moitos premios internacionais, no referente a Latinoamérica debe ser o primeiro. É certo que tivemos moitas visitas, que espertamos interese, pero non así convites e galardóns deste tipo”.
O edil tamén explicou que a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, será a encargada de recoller o recoñecemento en San José, ao tempo que el mesmo participará nunha palestra co fin de expoñer os logros acadados en Pontevedra.