‘A dinámica’, o proceso de formación e aceleración de proxectos culturais, instálase en Pontevedra

Anabel Gulías
Anabel Gulías
‘A dinámica’, o proceso de formación e aceleración de proxectos culturais, instálase en Pontevedra

Pontevedra, 11 de febreiro de 2025. Vén de ser presentado o programa A dinámica en Pontevedra, un campus de formación empresarial de carácter gratuíto para proxectos culturais, que terá lugar do 24 ao 28 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra e en liña. 

Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica, explicou por que o Concello decidiu implicarse: “A dinámica é unha iniciativa que casa moi ben co que vén desenvolvendo o Concello, tanto polo lado da economía social como o do sector creativo. Coincidimos na importancia de fortalecer os proxectos do ámbito cultural”. 

O apoio do Concello permitirá desenvolver un novo campus desta experiencia formativa innovadora. No mundo das industrias creativas existen diversas incubadoras e aceleradoras para proxectos culturais concretos (como as que axudan á produción de películas ou series), mais apenas ningunha como A dinámica, que vaia destinada a fortalecer a estrutura empresarial. De igual forma, hai mestrados destinados á xestión e produción cultural, pero bótase en falta a existencia dun campus formativo eminentemente práctico, capaz de dotar de ferramentas de xestión aos membros do sector cultural; tal e como indican os coordinadores deste campus. 

Na dinámica abordaranse, desde todos os ángulos, os temas imprescindibles se queremos que unha empresa cultural bote raíces e xermine: estratexias para unha mellor organización, a importancia da colaboración e o traballo en rede, descubrir as posibilidades que ofrece a economía social, o abc para vender un proxecto, como construír unha marca e alcanzar o público obxectivo, cuestións orzamentarias e fiscais que non se poden esquivar... 

Encarna Lago (Rede Museos Dep. Lugo), María Marín (Altekio), Ana Olveira (Abeluria), Pablo Ferreiro (Boa Mistura), Laura Puxafeita (Paco & Lola), Jonàs Sala (Verkami), A Casa Vella e o equipo de Numax únense aos docentes do campus, xunto aJavier Bardón (A Fábrica), Patricia Hermida (dotbeat!), Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro), Ania González (despacho.eu), María Baqueiro (Pacto Cultura Sustentable) e The Office Comunicación. 

Após as catro xornadas de formación intensiva e de balde para adquirir coñecementos de xestión empresarial prácticos, cos que lograr que a profesionalización dun proxecto cultural, o venres 28 só de forma presencial será a quenda da sesión de ‘pitches’: os participantes presentarán o seu proxecto perante un panel de expertos, que escollerán 2 propostas para participar no proceso de aceleración (que culminará cun evento especial en Galiza durante o mes de xuño). 

O proceso de aceleración estará liderado por Sabela Mendoza, xestora cultural especializada en artes escénicas; e María Seoane, experta nas áreas de emprendemento de empresas, desenvolvemento de negocio e estratexia. 

A inscrición (ata o 16 de febreiro) estará destinada a empresas e proxectos de calquera especialidade dentro do sector cultural, como artes escénicas, artes plásticas e deseño gráfico, audiovisuais, artes dixitais e videoxogos, música, podcast e creación sonora, revistas dixitais, mediación cultural... 

‘A dinámica’, o proceso de formación e aceleración de proxectos culturais, instálase en Pontevedra