Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e A Parda, barrios escollidos polo Concello para beneficiarse dos fondos europeos EDIL
![Raimundo González](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2024/11/22/2024112217454350863.jpg)
Pontevedra, 11 de febreiro de 2025. Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e A Parda son os barrios seleccionados polo Goberno Local para beneficiarse dos novos fondos europeos (FEDER) a través da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL). A Comisión de Réxime Interior do Concello recibiu a información dos proxectos que se presentarán a esta convocatoria que remata o vindeiro 28 de febreiro.
O concelleiro responsable da tramitación dos Fondos Europeos, Raimundo González, explicou que actual convocatoria recolle, no caso das cidades de máis de 75.000 habitantes, que os fondos se destinen a barrios con nivel de renda inferior á media. A consignación dos fondos será dun 60% e as achegas municipais, do 40%. Con estes criterios, a contía mínima da axuda será de 5 millóns e a máxima de 20 millóns de euros.
O Goberno local decidiu optar aos fondos con catro grandes proxectos: Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos, A Parda e smartcities.
No caso do barrio de Monte Porreiro, cunha petición superior aos 10 millóns de euros (é dicir, máis do 50% da estratexia), o proxecto incluirá a renovación integral do campo de fútbol-rugby, a rehabilitación do centro social coa creación dunha aula TIC, a construción do novo pavillón de deportes que supón a creación dunha nova zona verde no barrio, e a rehabilitación integral das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. Tamén inclúe a remodelación da praza de Europa.
Ao respecto do proxecto A Seca-Valdecorvos inclúese a creación dun espazo de centralidade na Seca na cuberta da vía do tren que se pretende tratar cos mesmo parámetros que a da rúa Doce de novembro, o acondicionamento de toda a entrada ao barrio e a creación de zonas inundables co tratamento de toda a zona verde.
O parque da Parda é o terceiro dos proxectos que se presentarán a esta convocatoria. O concelleiro de Fondos, Raimundo González explicou que a súa inclusión débese a que a EDIL esixe que a mediados de 2027 estean pagados o 20% dos fondos concedidos. A única maneira de chegar a ese ano con esa porcentaxe de fondos abonados é incluíndo unha obra que neste momento estea en licitación ou en execución como é o caso da Parda, xa que a propia convocatoria dos fondos vai con bastante retraso.
Finalmente, o resto das axudas serán para solucións TICs municipais, posto que os fondos obrigan que, cando menos, o 5% das contías teñan este fin.
Raimundo González asegurou que a concesión dos fondos permitiría "unha transformación radical da Seca, Monte Porreiro e A Parda".