Pontevedra funcionará como epicentro da economía ecolóxica no mes de xuño cos dous congresos máis importantes no mundo sobre esta materia
Pontevedra, 28 de febreiro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira Anabel Gulías, participou na presentación da 10a International Degrowth Conference e da 15a Conference of the European Society for Ecological Economics, na que tamén estivo presente Mario Pansera e parte da súa equipa, responsábel da organización deste evento dobre.
A edil Anabel Gulías quixo na súa intervención agradecer a selección de Pontevedra como sede para estas dúas conferencias que se celebrarán entre o 18 e o 21 de xuño. "Sabemos do enorme labor que están a facer o doutor Pansera e a súa equipoa para poñer en marcha todo isto e achegar uns congresos destas características, poñéndonos no mesmo camiño que outras cidades europeas que xa acolleron estas citas como Roma ou Budapest", indicou.
"Moitas veces cando falamos de investigación e innovación semellan ser temas afastados, lonxe da nosa realidade, mais é xusto recoñecer que en Pontevedra, no mesmo campus da cidade, existe un grupo de investigación formado por perto de 15 investigadores e investigadoras internacionais que son quen de captar recursos públicos para mellorar as sociedades a través das sús investigacións», explicou Gulías. «Hai xa tempo que quixemos abrir unha senda na Boa Vila para que esta fose fogar de eventos internacionais relevantes, e coido que estamos a cumprir con moi boa nota o que nos propuxemos. Hai un par de anos tivemos a Placemaking Week, pensando as cidades do futuro, e agora teremos outro número moi importante de investigadores pensando e imaxinando as sociedades que están por vir".
Pola súa banda, Mario Pansera indicou que os dous eventos funcionan como citas irmás, xuntando "a élite da economía ecolóxica a nivel mundial". "Imos contar cun programa científico e un non-científico ou non académico, que estará conectado co centro da cidade. Falamos dun evento dividido en dúas partes, mañá (no campus) e tarde (na cidade)", explicou o investigador. "Teremos nomes de importancia internacional, fundadores do pensamento da economía ecolóxica".
Así, a Boa Vila funcionará como a capital ou epicentro europeo do decrecemento neste ano 2024. Mais... que é o chamado decrecemento ou poscrecemento? Trátase dun termo utilizado no tanto no eido político, económico e social como para un conxunto de teorías que baten co paradigma do crecemento económico. O decrecemento sustentábel é a transición a unha economía máis pequena con menos produción e consumo, compatible coa preservación dos recursos naturais, que entende e albisca que o crecemento non é nin pode ser infinito. Deste xeito, déixase de ver o PIB (produción total de bens e servizos dunha economía) como o único factor válido á hora de entender o crecemento dunha sociedade, para ter en conta outros factores, como a calidade de vida, ou os índices de igualdade social.
"Efectivamente, o decrecemento asusta un chisco, pero facer unha transición ecolóxica e recoñecer que o crecemento non pode ser infinito e que temos que adaptarnos, ao tempo que podemos ter unha altísima calidad de vida sen agotar todos os recursos do planeta nin moito menos, é absolutamente razonable", explicou o alcalde.
Durante a semana da conferencia chegarán a Pontevedra persoas de numerosos países, e que dende a organización do evento estase a poñer en marcha unha iniciativa de acollida de participantes, para aqueles que viven en Pontevedra ou arredores animen a abrir as portas das súas casas e ofrecerlles aloxamento. As persoas anfitrioas contarán con inscrición gratuíta para asistir a todas as actividades do evento.