Pontevedra esixe na Fegamp que a Xunta asuma as súas competencias e garanta a seguridade sanitaria na xornada electoral
Miguel Anxo Fernández Lores, convocado a unha reunión extraordinaria como rexedor dunha das sete grandes cidades galegas, entende que os responsables da elaboración dos protocolos, de facelos cumprir e de poñer os medios para garantir a seguridade de tan sinalada data, é a Xunta de Galiza
Pontevedra, 3 de xuño de 2020. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou nunha reunión extraordinaria e por videoconferencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), á que estaban convidados os membros do comité executivo da Federación, así como os rexedores e rexedoras das 7 grandes cidades galegas e os responsables das Deputacións provinciais.
O encontro tiña como punto único da orde do día abordar o protocolo de seguridade pública presentado hai escasos días pola Xunta de Galicia, a través do vicepresidente Alfonso Rueda, para a cita electoral do vindeiro 12 de xullo, e as implicacións que terá de cara aos concellos.
Fernández Lores lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo “foi a encargada de convocar as eleccións autonómicas, sen o respaldo do resto de forzas políticas, e ten a obriga de garantir a seguridade de todos os galegos e galegas o 12 de xullo, e non desviar esa responsabilidade aos concellos que non temos competencia nin posibilidades materiais nin persoais de poder cumprilas”. De feito, Lores aclarou que “Feijoo non pode facer unha convocatoria electoral, e despois botarlle a culpa aos concellos dunha decisión que tomaron só eles”.
Defendeu que debe ser o Goberno galego quen, ademais de fixar cal debe ser o protocolo sanitario da cita electoral, debe asumir os custes económicos da súa posta en marcha, achegando os medios tanto persoais como materiais para que os pontevedreses e pontevedresas, os galegos e galegas, polo tanto, poidan exercer o seu dereito con plenas garantías.
O alcalde lembrou que os colexios electorais non están preparados para cumprir as medidas de distanciamento nin as sanitarias do citado protocolo, e os concellos non poden asumir un gasto extra da súa adaptación, en algúns casos de difícil solución.
De feito, Pontevedra solicitou da Xunta que especialistas en Prevención de Riscos supervisen os colexios electorais antes da súa aprobación. Esta visita debería ser esta mesma semana dado que a aprobación dos colexios electorais na cidade do Lérez está prevista para o vindeiro luns, 7 de xuño, “e a día de hoxe aínda non sabemos nada da Xunta”.
Lores lembra que o Concello de Pontevedra sempre estivo a disposición das distintas administracións organizadoras das distintas citas electorais ofrecendo colexios e dependencias municipais, así como a maquinaria administrativa na convocatoria, pero non esta situación.
A maioría dos alcaldes e responsables políticos asistentes á reunión da Fegamp amosáronse en contra da determinación da Xunta, polo que acordaron solicitar unha nova reunión co Goberno galego para deixar claro o posicionamento das alcaldías galegas e esixir da Xunta as medidas necesarias para que as eleccións se celebren con garantías.