O BNG demanda a reapertura da oficina de Correos de Moraña
Moraña, 3 de xuño de 2020. O BNG vén de rexistrar unha moción na que solicita ao goberno municipal de Moraña do Partido Popular que actúe de xeito inmediato e solicite a Correos a reapertura da oficina situada en Santa Lucía, pechada dende hai semanas.
O voceiro municipal do BNG, Marcos Suárez explica que a devandita oficina leva pechada e sen prestar servizos “dende hai varias semanas, polo que os vecinos e veciñas de Moraña estanse vendo obrigados a desprazarse a outras localidades onde as oficinas si están abertas e prestando os servizos postais con normalidade”.
Para Suárez “non é de recibo que un servizo tan importante para o noso concello se perda. Non podemos permitir que Moraña siga perdendo servizos paso a paso”. Engade finalmente o voceiro nacionalista que “para o BNG a oficina de Correos é fundamental para Moraña, e máis nestes momentos, xa que ademáis de prestar moitos servizos postais, de paquetería, etc cómpre lembrar que no prazo dun mes temos eleccións en Galiza e moitos electores queren facer uso do seu dereito ao voto por correo, e é por todo isto -conclúe Marcos Suárez- que vemos imprescindible que desde o goberno municipal se fagan as xestións necesarias ante os responsables de Correos para a reapertura inmediata da oficina de Moraña”