A CIDADE ACOLLERÁ EN 2024 O MUNDIAL SUB-20 DE LOITAS OLÍMPICAS
Pontevedra continúa a súa aposta decidida polos grandes eventos deportivos na cidade
Este mércores, 13 de decembro, foi constituído o Comité Organizador do Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas que se desenvolverá na cidade do Lérez entre o 2 e o 8 de setembro do vindeiro ano, presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A sala de Xuntas do Concello de Pontevedra foi o escenario escollido para continuar dando pasos cara un dos eventos deportivos máis grandes que acollerá Pontevedra no 2024. As tres administracións galegas (Concello, Deputación e Xunta) colaborarán xunto coas federacións galega, española e internacional, amais do Consello Superior de Deportes, para que Pontevedra sexa durante unha semana o epicentro da loita internacional sub-20 e fogar para as promesas que a integran.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fdez. Lores, presidirá o comité organizador, do que forman parte representantes do Concello de Pontevedra, Deputación e Xunta de Galiza, ademais das Federacións Galega, Española e Internacional e o Consello Superior de Deportes
Tal e como revelou o rexedor, agárdase a chegada de 2.000 deportistas, que se desprazarán desde 70 países distintos e entre os que «en principio» tamén figurarán «os rusos e os bielorrusos», vetados nos mundiais celebrados no 2022 tralo comezo da Guerra de Ucraína.
Doutra banda, Lores lembrou que se ben a cidade quedou sen o mundial de Grappling -que se desenvolverá en Acerbaixán-, está a ser estudada a posibilidade de celebrar o Campionato de Europa desta modalidade, e que podería engadir dous días máis de competición, entre o 9 e o 10 de setembro, sumando 400 deportistas máis.
Sobre o orzamento estimado para o evento, o alcalde adiantou que será superior ao millón de euros, mais aínda non está pechado ao cen por cen.
O director do evento, Pablo Pintos, lembrou que os estudios previos indican que cada euro público investido xerará uns 6 euros de cartos privados, o que derivará nun retorno económico realmente importante, do que preto dun 85 % vai quedar, de xeito directo, en empresas e servizos da cidade de Pontevedra ou da súa provincia. «É unha cita que transcende á propia cidade», explicou Pintos. «Pontevedra é unha pequena mataxigante, é a que máis eventos repetiu de loita ao longo dos últimos anos (2019, 2022 e 2024), estando por diante de Roma, Budapest ou Skopje»