Pontevedra contará desde outubro cun novo punto limpo móbil con 10 paradas na cidade para facilitar a reciclaxe

Pontevedra contará desde outubro cun novo punto limpo móbil con 10 paradas na cidade para facilitar a reciclaxe

Pontevedra, 17 de xullo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou hoxe o despregamento dun novo servizo de punto limpo urbano móbil que percorrerá distintos barrios da cidade para facilitar á veciñanza a reciclaxe de pequenos obxectos. O obxectivo desta iniciativa é achegar o servizo de xestión de residuos á cidadanía e evitar desprazamentos ao polígono do Campiño para o depósito de elementos de pequeno tamaño.

Este punto limpo móbil estará operativo de luns a venres, en horario de tarde (de 15:00 a 20:30 horas), e contará con 10 localizacións diferentes que se irán alternando entre as semanas pares e impares do ano. O servizo comezará o seu funcionamento un luns no barrio da Parda.

O calendario de paradas establécese do seguinte xeito:

Semanas pares: A Parda (luns), Valdecorvos (martes), Praza de Galiza (mércores), Avenida de Vigo na intersección con María Victoria Moreno (xoves) e Joaquín Costa (venres).

Semanas impares: Praza de España, Praza de Barcelos, Monte Porreiro (Praza de Europa), O Burgo (fronte a Pasarón) e As Corvaceiras.

O Concello levará a cabo unha campaña informativa coa repartición de folletos nas vivendas da cidade para que a cidadanía coñeza as localizacións e horarios exactos.

Lores explicou que o servizo está pensado para a recollida de "cousas de pequeno tamaño" que non se poden introducir nos colectores habituais, tales como pequenos electrodomésticos, pilas, ordenadores, tabletas, pranchas, carteiras ou tixolas. Posteriormente, a empresa concesionaria tramitará estes materiais mediante xestores autorizados para aproveitar ao máximo os recursos.

Pola súa banda, a xestión dos obxectos de gran tamaño e voluminosos manterase sen cambios: deberanse levar ás instalacións do Campiño ou ben solicitar a súa recollida a domicilio mediante chamada telefónica.

Durante a intervención, o alcalde fixo unha valoración moi positiva do novo contrato de residuos e limpeza, destacando o importante esforzo económico que supón para as arcas municipais: "Pasamos de 7 a 12 millóns, practicamente duplicamos o gasto que o Concello fai para mellorar o servizo". Este incremento xa se está a notar nas rúas coa presenza de máis traballadores e nova maquinaria de limpeza.

Ademais, o rexedor avanzou que este punto limpo urbano é só un novo paso. Proximamente, despregarase un segundo punto limpo móbil destinado ao rural, que se planificará para dar cobertura a todas as parroquias do municipio. O despregamento total do contrato completarase tamén coa instalación de illas emerxentes e a incorporación dun novo camión.

Chamamento á responsabilidade cidadá

O rexedor municipal insistiu na necesidade de contar coa colaboración de toda a veciñanza e dos sectores produtivos (grandes e medianos produtores) para acadar as porcentaxes de reciclaxe que esixe a lexislación estatal e europea. Para logralo, o Concello contratou a unha empresa especializada para ofrecer información bidireccional á cidadanía sobre a correcta xestión dos residuos.

"Trátase de que os residuos sexan recursos e non un problema gordo que se leva a queimar", recalcou Lores, lembrando a responsabilidade compartida de "coidar o planeta" e poñendo en valor a posición adiantada de Pontevedra en materias como a compostaxe, que culminará coa futura planta da Canicouva.

Pontevedra contará desde outubro cun novo punto limpo móbil con 10 paradas na cidade para facilitar a reciclaxe