O Concello de Pontevedra propón a reconstrución integral do céspede de Pasarón por perto de 1,7 millóns de euros para solucionar defectos de construción

Anabel Gulías
Anabel Gulías
O Concello de Pontevedra propón a reconstrución integral do céspede de Pasarón por perto de 1,7 millóns de euros para solucionar defectos de construción

Pontevedra, 17 de xullo de 2026. O goberno local de Pontevedra fixou hoxe a súa folla de ruta para dar unha solución definitiva e a longo prazo aos constantes problemas do terreo de xogo do estadio de Pasarón, onde disputa os seus encontros o Pontevedra Club de Fútbol. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, compareceu en rolda de prensa para dar conta das conclusións dunha auditoría técnica independente encargada o pasado mes de xuño á empresa especialista Calderón Asociados.

O informe técnico é concluínte e sinala que o estadio sofre de erros e defectos na construción orixinal da obra. Concretamente, a auditoría alerta dun "fallo sistémico e irreversible da drenaxe, do perfil construtivo e da cuberta vexetal" debido a unha execución incorrecta. Segundo detallou a concelleira, instaláronse tubos de drenaxe envoltos directamente en xeotéxtil, o que provocou a colmatación progresiva e definitiva do sistema.

Para emendar esta situación de raíz, os técnicos recomendan acometer unha reconstrución integral do céspede, cuxo importe ascende a 1.688.216 euros. Esta actuación garantiría unha durabilidade do terreo de xogo de 15 a 20 anos.

Dada a magnitude do investimento e o feito de que Pasarón é un equipamento estratéxico para a cidade, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de remitir senllas cartas aos presidentes da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galiza. O obxectivo é sentar ás tres administracións para colaborar economicamente no financiamento desta obra, entendendo que é preciso emendar un defecto de construción do pasado para non malgastar máis recursos públicos en actuacións provisionais.

"O que cremos que non sería unha boa decisión é volver a parchear o problema", advertiu rotundamente Anabel Gulías. A edil defendeu a filosofía de "resolver os problemas de raíz", recordando que ao inicio do mandato o Concello xa achegara 75.000 euros para un arranxo parcial que non tivo o éxito agardado.

A concelleira de Deportes mostrou tamén a disposición "absoluta e total" do Concello a dialogar sen tabús e a estudar outras posibles solucións técnicas que poida aportar o Pontevedra C.F. ou outras institucións, sempre e cando garantan a mesma durabilidade e non consistan en poñer simples “parches".

Gulías foi transparente sobre as consecuencias desta intervención integral. Ao tratarse dunha obra de grande envergadura e elevado orzamento, esixirá cumprir con rigorosos e longos trámites administrativos e legais para a dotación de crédito e a súa execución.

Esta situación, recoñeceu a concelleira, requirirá inevitablemente buscar alternativas para os compromisos deportivos do Pontevedra C.F. durante o tempo que se prolonguen os traballos. "Cando hai disposición todo ten solución", asegurou Gulías, apelando á responsabilidade política de asumir os prazos, os custos e as dificultades loxísticas co fin de non seguir "mareando a perdiz" e resolver o problema de Pasarón dunha vez por todas.

O Concello de Pontevedra propón a reconstrución integral do céspede de Pasarón por perto de 1,7 millóns de euros para solucionar defectos de construción