Pontevedra consolídase como o principal motor de emprego da súa contorna e xera 150 postos de traballo por cada 100 residentes ocupados
Pontevedra, 13 de maio de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo profesor universitario e coautor do informe, Pedro Figueroa, presentou esta mañá os resultados do estudo “Situación laboral no concello de Pontevedra: análise e evolución das afiliacións”. O documento, baseado en datos oficiais da Seguridade Social e das mutualidades (MUFACE, MUGEJU e ISFAS) a 31 de decembro de 2025, confirma e reforza o papel da capital provincial como o gran tractor económico e de creación de emprego na súa área de influencia.
Segundo detallou o profesor Pedro Figueroa durante a súa intervención, Pontevedra conta actualmente con 55.251 postos de traballo reais vinculados a entidades do municipio, fronte ás 36.832 persoas afiliadas que residen na cidade. Esta diferenza tradúcese nun balance de emprego positivo de 18.419 postos. "Isto implica que hai unha autosuficiencia do emprego do 150%, é dicir, que existen 150 postos de traballo por cada 100 persoas residentes ocupadas", explicou o profesor, destacando que se trata do valor máis alto da serie analizada.
O rexedor valorou estas cifras dun xeito realmente positivo, subliñando que estes indicadores demostran que “Pontevedra é unha cidade xeneradora de emprego dentro de toda a provincia”. O rexedor fixo fincapé na inmensa capacidade de atracción laboral do municipio: “En Pontevedra entran milleiros de persoas a traballar doutros concellos todos os días; non podemos dar un dato exacto, pero probablemente estea por encima de 25.000 ou 30.000 persoas a diario”.
O estudo tamén fai balance da evolución interanual respecto ao 2024, evidenciando un notable dinamismo. O profesor Figueroa apuntou que no último ano se rexistrou un crecemento do 3,1% no número de postos de traballo na cidade, o que se traduce na creación de 1.657 novos empregos. Este crecemento porcentual é o maior entre todas as cidades comparadas no informe (que inclúe o seu hinterland —Poio, Marín, Sanxenxo— ademais de Vigo e Vilagarcía de Arousa), xa que case duplica a evolución positiva de Vigo (1,7%) e contrasta co descenso xeneralizado de postos de traballo noutros concellos como Marín, Sanxenxo ou Vilagarcía.
No que atinxe aos ratios poboacionais, Pontevedra volve situarse á cabeza cunha taxa de 66,3 postos de traballo por cada 100 habitantes. O dato resulta aínda máis rechamante cando se observa unicamente á poboación potencialmente activa (de 15 a 64 anos): a cidade ofrece 102,1 postos de traballo por cada 100 persoas en idade de traballar. Como indicou Figueroa de maneira gráfica, "se toda a xente potencialmente activa en Pontevedra traballara, aínda habería postos de traballo a maiores xenerados aquí”.
En comparación co resto de territorios analizados, Pontevedra (150%), xunto con Vigo (121%) e Poio (109%), son as únicas localidades que superan a barreira da autosuficiencia e exercen de centros atractores, mentres que outros concellos próximos presentan unha maior dependencia exterior para poder empregar á súa veciñanza.
Lores concluíu lembrando que o Goberno Local leva impulsando estes estudos desde 2015 para "tomarlle o pulso á cidade", e celebrou que este pulo económico e laboral vaia da man tamén dun continuado incremento demográfico en Pontevedra, encamiñándose a alcanzar os 84.000 habitantes a curto prazo.