“Pontevedra Capital Gastro”, seis actividades con máis de 60 xornadas para gozar da cultura culinaria

Presentación de Capital Gastro
Presentación de Capital Gastro
“Pontevedra Capital Gastro”, seis actividades con máis de 60 xornadas para gozar da cultura culinaria

Pontevedra, 29 de setembro de 2025. O Concello de Pontevedra anunciou a posta en marcha de Pontevedra Capital Gastro, un programa con vocación de continuidade que arrinca este outubro e se estenderá ata o vindeiro mes de abril. O proxecto aposta por consolidar Pontevedra como referente gastronómico galego e por situar o Mercado de Abastos como punto de encontro, motor económico e espazo de convivencia social e cultural. 

O programa, impulsado pola área de Promoción Económica, tivo un custo de 392.747,27 euros e divídese en dúas liñas: seis propostas abertas ao público que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, e máis un bloque formativo dirixido a emprendedores e ao sector hostaleiro e que se presentará proximamente. O bloque de actividades abertas ao público estrutúrase en seis eixos, cada un dirixido a un sector en concreto. 

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou durante a presentación que Pontevedra Capital Gastro é un programa continuado “que convertirá o mercado de abastos no epicentro da cultura culinaria da cidade”, dende a incorporación de novos talentos da cociña mediante a implicación e emprendementos da cidade e do Carlos Oroza, ata a demostración “da dobre vertente lúdica e gastronómica do mercado” co festival de cinema gastronómico, que servirá “como una aliciente a maiores dos premios Feroz”. Ademais, salientou que se porá énfase na paticipación dos albergues da cidade. 

Cartaz Capital Gastro
Cartaz Capital Gastro

A primeira das actividades abertas ao público xeral será A Mesa do Camiño, que bota a andar o 9 de outubro e inclúe case 30 encontros culinarios para peregrinos e visitantes do Camiño Portugués. Neles, cociñeiras e cociñeiros da cidade ofrecerán menús elaborados con produto local e de tempada de xeito gratuíto pero coa necesaria presentacion da credencial do Camiño e confirmación de estancia nun albergue de Pontevedra. A Mesa do Camiño celebrarase en outubro (días 9, 10, 16, 17, 23, 24, 30 e 31), novembro (6, 7, 13, 20 e 21), marzo (5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27) e abril (9, 10, 15, 16, 17, 23, 24 e 30). 

Por outro lado, a partir do 11 de outubro, cada segundo sábado mes terá lugar na praza de abastos o Mercado Creativo, proposta que retoma a Sétima Feira e reunirá a marcas con selo galego que irán dende a moda e o deseño ata a pintura e a artesanía, usos distintos dun mesmo espazo con éxito probado anteriormente. Tamén acollerá actividades paralelas como sorteos e obradoiros. Este escaparate para o talento local levarase a cabo os días 11 de outubro, 8 e 22 de novembro, 31 de xaneiro, 14 e 28 de febreiro, 14 e 28 de marzo, e 11 e 25 de abril. 

O Festival de Cinema Gastronómico incluirá doce proxeccións con coloquio no Mercado de Abastos os días 3, 10, 17, 20 e 24 de febreiro, 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo, e 7, 14 e 21 de abril. O evento principal ou festival terá lugar do 1 ao 3 de maio e mesturará cinema, showcookings, catas e outras actividades participativas. 

O Mercado do Emprendemento permitirá que diversos proxectos de hostalaría e restauración podan pór a proba os seus modelos de negocio nos postos do Mercado de Abastos. Serán 15 emprendedores e emprendedoras seleccionados que se repartirán do seguinte xeito: tres en novembro, tres en decembro, tres en xaneiro, dous en febreiro, dous en marzo e dous en abril. Os postos abrirán os xoves, venres e sábados de cada mes. 

A Promoción de Novos Talentos da Cociña Atlántica desenvolverase con catro microeventos gastronómicos os días 29 de xaneiro e 5, 12 e 19 de febreiro e rematará cun foro que se os días 26 e 27 de febreiro, no que cociñeiros e cociñeiras menores de 30 anos compartirán as súas experiencias co público e con profesionais do sector. 

Por último, o Pontevedra GastroFest reunirá á cidadanía arredor de tres grandes datas gastronómicas vencelladas ás tradicións galegas e locais. Son o Magosto, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro; o Entroido, que se celebrará o 17 e 18 de febreiro e a Semana Santa os días 3 e 4 de abril. 

“Pontevedra Capital Gastro”, seis actividades con máis de 60 xornadas para gozar da cultura culinaria