PonteSan-2025 pecha as portas cun balance de éxito: máis público e máis asociacións socio-sanitarias participantes que nunca

PonteSan-2025 pecha as portas cun balance de éxito: máis público e máis asociacións socio-sanitarias participantes que nunca

Pontevedra, 29 de setembro de 2025. A entrega do Premio PonteSan ao construtor Arturo Ramírez polo seu compromiso social puxo o ramo a sexta edición da Feira de Saúde e Benestar de Pontevedra, que pechou as portas con máis público e máis asociacións socio-sanitarias que nunca. Unha feira na que o público coroou a relatores tan dispares como o científico e xenetista de sona internacional Anxo Carracedo ou as influencer @nuskachousa; na que cativos e maiores aprenderon e gozaron en obradoiros lúdicos e propostas de actividade física e na que as asociacións socio-sanitarias, clubs deportivos e colexios profesionais visibilizaron o seu traballo. Unha cita que foi un punto de encontro do tecido asociativo pontevedrés e galego e un alto-falante a prol da sanidade pública. 

Nos dous días que durou PonteSan xeráronse complicidades e sinerxías colaborativas entre os distintos piares que a fan posible -asociacións, clubs, doentes e familias, coidadores, profesionais e administracións-; abríronse e consolidáronse canles de diálogo e cooperación, cunha intención declarada de continuidade e afondouse no compromiso de seguir adiante cunha iniciativa, en liña coa cidade pensada para as persoas, inclusiva e saudable que é Pontevedra. 

“Estamos orgullosos da participación do asociacionismo, orgullosos de que sexa a única feira da Saúde e Benestar que se fai en Galiza e agardo que se fagan máis, porque todo o apoio que se poida prestar ás persoas doentes e familias é necesario” subliñaba o alcalde Miguel Fernández Lores, o sábado, ao rematar un percorrido por PonteSan, con paradas en todos os postos para amosar o seu recoñecemento e agradecemento ás entidades polo labor que realizan. 

Lores: “Estamos orgullosos da participación do asociacionismo, orgullosos de que sexa a única Feira de Saúde e Benestar de Galicia e agardo que se fagan máis, porque todo o apoio que se poida prestar aos doentes e familias é necesario”

“Levamos seis anos facendo PonteSan, cunha consolidación clara, cada vez hai máis asociacións que están para informar, para formar, para acompañar a persoas con distintas doenzas, aí onde non chegan as administracións. Porque cando se ten unha enfermidade rara, unha enfermidade crónica é necesario que alguén che explique, paseniño, o que ocorre e che acompañe nas necesidades que poidas ter” reflexionaba o alcalde, quen insistiu na importancia do tecido asociativo no ámbito da saúde e benestar. 

Pola súa banda a concelleira de Benestar Social remarcou o compromiso do goberno local co Feira de Saúde e Benestar: “Pontesan é un espazo que queremos manter e mellorar con dous obxectivos: seguir demandando máis investimento para a sanidade pública e a investigación e seren un espazo de encontro de referencia das asociacións socio-sanitarias e entidades galegas que fan un gran traballo de acompañamento, axuda, sensibilización e reivindicación” . 

Tamén a presidenta de CEDDD-Galicia, María Jesús Monterde, amosaba a súa satisfacción ao remate de PonteSan: “a xente foi moi receptiva, duplicamos o número de visitantes (podemos falar de miles), cada vez somos máis asociacións. Somos, sen dúbida, un referente en Galiza”. 

PonteSan-2025 pecha as portas cun balance de éxito: máis público e máis asociacións socio-sanitarias participantes que nunca