TRIALEIRAS ESPECTACULARES EN SANTA MARÍA E O XIABRE

A BTT Caldas Vila Termal consolídase con éxito na súa IIª edición

A BTT Caldas Vila Termal consolídase con éxito na súa IIª edición

Caldas, 29 de setembro de 2025. A segunda edición da BTT Caldas Vila Termal volveu converterse nun éxito con 200 persoas participantes que percorreron os montes de Caldas nas súas bicicletas todo terreo. A proba, segundo destacou o Tenente de Alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña, cambiou significativamente o seu trazado con respecto a 2024, pasando a ser moito máis espectacular:  aumentou o número de trialeiras, reduciu o pisteo e incluíu máis nivel acumulado por algúns camiños bastante duros. “Hai que felicitar aos Scornabiker polo deseño, porque as e os participantes puideron gozar de excelentes paisaxes nunha proba con desafíos técnicos importantes. O traballo de preparación da proba foi excelente”, subliñou o responsable municipal.

Segundo Fariña, a BTT Caldas Vila Termal volveu destacar pola súa alta inscrición, cumprindo o obxectivo de consolidarse e ser unha cita imprescindible no calendario deportivo galego, atraendo a ciclistas de diversos puntos do país e contribuíndo ao fomento do deporte e o turismo en Caldas. O responsable de Deportes destaca que a proba coloca ao municipio no mapa turístico, polo que o Concello  “sempre vai dar a man para organizar eventos deportivos destas características polo dinamismo que supoñen para a economía local”.

Unha das principais novidades foi o aumento do número de trialeiras, treitos de terreo de alta dificultade técnica, con pendentes pronunciadas, firme irregular con rocas, raíces e outros obstáculos, que esixiron grande habilidade para superalas. Algunhas delas foron bautizadas polos organizadores pola proximidade a elementos do terreo ou pola súa relación cos propios participantes: Pedra Filga, a de Pemán -pola súa cercanía á estación meterorolóxica-, Pataca Cortada, Pumuki, Ratoncito Pérez...). Ademais, reduciuse o número de pistas sinxelas e incrementouse o acumulado por algúns camiños duros. 

Fariña agradeceu ao Club Scornabiker a súa implicación na organización, que permitiu que todo o percorrido se realizase perfectamente planificado e sen incidentes, sendo non só atractivo para as participantes, senón tamén para as persoas que se decidiron a ver a proba no monte. “Xa estamos a pensar na nova edición. Ante este novo éxito estamos seguras que a BTT veu a Caldas para quedar”, finalizou o nacionalista.

A BTT Caldas Vila Termal consolídase con éxito na súa IIª edición