O ORZAMENTO ASCENDE A 98.632.000 EUROS

Pontevedra aprobará os orzamentos máis altos da súa historia o vindeiro 17 de febreiro

Raimundo González
Raimundo González
Pontevedra aprobará os orzamentos máis altos da súa historia o vindeiro 17 de febreiro
Pontevedra, 5 de febreiro de 2025. O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta da aprobación en Xunta de Goberno Local do anteproxecto de orzamento xeral do Concello para este 2025, que ascende a 98.632.000 euros, o que vén a significar un aumento próximo aos 4 millóns de euros, en comparación ao exercicio orzamentario do pasado 2024 (un + 4,12 %). A aprobación definitiva terá lugar previsibelmente o luns 17 de febreiro no pleno municipal.

“O apartado que máis sube é o apartado de bens e servizos, ou o tamén chamado gasto corrente”, comentou González. “Aparecen aquí recollidos os Feroz ou o Multisport de Triatlón ou o incremento nas Festas de 263.000 euros, ou o mantemento de determinados bens municipais coma o mantemento dos centros sociais, os desbroces dos camiños, etcétera”. 

Outro dos aspectos de gasto corrente que sube estaría relacionado cos residuos e o novo contrato para a súa xestión, o canon de Sogama ou o novo servizo de información bidireccional. 

No apartado de subvencións, que ve aumentada a súa contía, sitúanse elementos coma Culturgal, o Coche de Punto ou as subvencións para o mantemento das gardarías da Xunta, amais das axudas deportivas. 

Trátase do orzamento máis alto da historia do Concello de Pontevedra e inclúe investimentos de todo tipo, figurando proxectos como a renaturalización do Gafos ou a creación do parque da Parda

Dentro do apartado de investimentos, figuran proxectos xa presentados coma a renaturalización do Gafos e o parque da Parda, mais tamén a accesibilidade urbana, a accesibilidade rural, a mellora da eficiencia enerxética en toda a zona leste da cidade, investimentos do ARI (rúa Pasantería), o novo parque da rúa Serra, etcétera. 

González define o ano 2025 como un ano “terriblemente inversor” por parte do Concello de Pontevedra, “tendo actuacións de todo tipo: de loita contra o cambio climático, de promoción da cidade, de mantemento dos espazos públicos e de dotación de novos equipamentos”. 

Por último, o edil de Facenda lembrou que o Concello leva 10 anos coas taxas e impostos conxelados e cunha débeda de 6.990.188,20 euros. “Temos claro que este orzamento significará un antes e despois para moitas cousas coas que conta esta cidade”, finalizou. 

Pontevedra aprobará os orzamentos máis altos da súa historia o vindeiro 17 de febreiro