Caldas organiza un entroido pensado na rapazada

Manuel Fariña presentando o cartaz do entroido 2025
Manuel Fariña presentando o cartaz do entroido 2025
Caldas organiza un entroido pensado na rapazada

Caldas de Reis, 4 de febreiro de 2025. O “Entroido 2025‟ en Caldas de Reis terá a vista posta na rapazada. A Concellería de Cultura e Festas dirixida polo Tenente de Alcalde Manuel Fariña vén de anunciar que a programación desta edición, entre o 21 de febreiro e o 7 de marzo, incluirá como novidade un pasarrúas escolar que, xunto con obradoiros e actividades para as e os máis pequenos, completará as citas xa habituais da festa infantil de máscaras, o gran desfile e o enterro da sardiña. 

O nacionalista Manuel Fariña anuncia que o vindeiro venres 28 de febreiro ás 11 da mañá terá lugar un novidoso pasarrúas escolar que se estreará este ano para potenciar a festa entre a rapazada da vila termal. Nel participarán nenos e nenas dos centros educativos de Infantil e Primaria (CRA de Caldas, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, CPR Encarnación e San Fermín), arredor de 400, que desfilarán vestidos coas súas creatividades saíndo da Prazuela para percorrer a Rúa Real, Rúa dos Fornos, e Rúa da Igrexa con volta á Prazuela. Como broche final haberá unha pequena merenda festiva. 

O gran desfile central do Entroido terá lugar o domingo 2 de marzo con saída do Paseo Román ás 17 da tarde e percorrido polo centro da vila para que sexa máis vistoso e facilitar a participación e seguimento por parte da veciñanza. “Agardamos unha afluencia masiva e que Caldas se converta no centro do Entroido da comarca unha vez máis. Estamos seguras de que as nosas rúas se van encher de color e que a nosa vila vai amosar o seu dinamismo unha vez máis”, destaca o concelleiro. 

Fariña subliña que un dos atractivos do desfile será que os premios serán os máis altos da historia, cun importe total de 6.190 euros que se repartirán entre 11 categorías, dúas delas, as de carrozas e de mellor animación, acumulables ás nove restantes: grupos ( de 11 ou máis participantes e de 3 a 10) –inclúense aquí comparsas, fanfarrias ou murgas-, parellas e individuais – todas elas nas modalidades de persoas adultas e infantil-, e centros educativos e anpas. O xurado valorará a animación, espectacularidade, orixinalidade e música en directo, outorgando tres premios por categoría de entre os 400 e os 50 euros. Os galardóns entregaranse apenas media hora despois de rematado o desfile, sobre as nove da noite. 

Ao día seguinte, o luns 3 de marzo ás cinco da tarde terá lugar a xa tradicional festa infantil de máscaras na Praza Sesto Casal. Haberá sesión de DJ con Alex Pita e tamén espectáculo musical con Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc. O broche final será o Enterro da Sardiña o venres 7 de marzo tamén na Praza Sesto Casal, onde estará o corpo presente do peixe dende a mañá. Ás 20 da tarde comezará o velorio co canto de coplas e loas e unha hora máis tarde conducirase o cadáver pola rúa coa procesión de viúvos e viúvas vestidas de rigoroso loito ata a Ponte da Ferrería, onde se guindará ao río. 

Todas estas actividades estarán acompañadas tamén dunha programación paralela na Biblioteca Municipal destinada á rapazada. O 21 de febreiro ás seis da tarde terá lugar un espectáculo musical a cargo de Paco Nogueiras baixo o título de „C@nto contigo‟ destinado a nenas e nenos de máis de 3 anos; o 28 de febreiro ás 18h realizarase un obradoiro de máscaras de Entroido para rapazada de máis de 4 anos na que se elaborarán complementos para os disfraces; e finalmente o 7 de marzo, tamén ás seis da tarde e dirixido a nenos e nenas de máis de tres anos, haberá un espectáculo de maxia divertida a cargo do Mago Paco. Para participar é precisa inscrición previa na propia Biblioteca ou no 986530604. 

Caldas organiza un entroido pensado na rapazada