Melloras nos parques infantís do rural pontevedrés

Mª Xosé Abilleira no Parque infantil dos Praceres
Mª Xosé Abilleira no Parque infantil dos Praceres
Melloras nos parques infantís do rural pontevedrés

Pontevedra, 3 de febreiro de 2025. O Concello de Pontevedra está a mellorar todos os parques infantís do rural. A edil responsábel, María Xosé Abilleira, achegouse até a parroquia de Lourizán para comprobar os traballos de mantemento e renovación do parque infantil de Praceres, acción que se sitúa baixo o marco dun proxecto de mellora para estes espazos no rural pontevedrés. 

“Comezamos por este parque porque era o que se atopa nun peor estado”, explicou a edil. “Ademais, nesta contorna de Praceres imos facer unha serie de actuacións a maiores, tanto na cuberta da vía do tren, que será substituída, coma no campo de petanca, a petición da veciñanza, e pechar unha zona de estancia que está a ser invadida polos coches”. 

A actuación no parque infantil de Lourizán conta cun orzamento próximo aos 18.000 euros, sendo renovada toda a valla perimetral, os bancos interiores e arranxados os elementos infantís. “Iniciamos unha serie de obras en varios parques do rural. En Marcón, por exemplo, xa estamos tamén traballando. Queremos continuar polos parque infantís de Tomeza e de Ponte Sampaio, para logo actuar en función das necesidades que se nos presenten”. 

Melloras nos parques infantís do rural pontevedrés