O BNG alerta da desprotección dos humidais da comarca de Pontevedra

Luís Bará
Luís Bará
O BNG alerta da desprotección dos humidais da comarca de Pontevedra

Pontevedra 2 de febreiro de 2025. Con motivo do Día Internacional dos Humidais, que se celebra o 2 de febreiro, o BNG fai unha chamada de atención sobre a desprotección e degradación destes ecosistemas que son fundamentais para a conservación da biodiversidade e a prevención do cambio climático.

Luis Bará, portavoz de medio ambiente no Parlamento galego destaca que “os humidais teñen moita importancia na regulación do ciclo hidrolóxico -polo tanto na prevención de riadas- e na preservación dos recursos hídricos, un ben esencial para a natureza, para a actividade económica e para a vida humana.

Malia o seu alto valor ecolóxico, son ambientes que sofren diversos tipos de ameazas e agresións por causa de aterros, drenaxes, construción de infraestruturas, instalacións de equipamentos, polígonos eólicos e monocultivos forestais.

Alerta sobre a situación dos humidais na comarca de Pontevedra

O BNG chama a atención sobre o empeoramento da calidade das augas e polo tanto da biodiversidade e da produtividade dos ríos e das rías, situación que na contorna de Pontevedra afecta de maneira directa ás rías de Pontevedra e Vigo e tamén aos ríos Umia, Ulla, Lérez ou Verdugo.

Mais os ecosistemas húmidos que sofren máis ameazas son as brañas e turbeiras das zonas montañosas, como é o caso das Brañas de Amil (Moraña), as brañas do monte Castrove (Poio, Pontevedra e Meis), ou o extraordinario conxunto das turbeiras da Serra do Suido (A Lama, Fornelos, Covelo e Avión), un ecosistema único no planeta e que tamén se ve ameazado por diversos proxectos de explotación enerxética e forestal.

No concello de Pontevedra, o BNG demanda que se protexa e recupere o humidal da Xunqueira da Gándara, afectado por recheos e actividades que desenvolven as administracións (Xunta e Goberno Central) que okupan terreos no dominio público marítimo terrestre.

Ademais, o BNG impulsará unha iniciativa no Parlamento para promover a inclusión da Xunqueira da Gandarela, en Ponte Muiños (Pontevedra) no rexistro de humidais de Galiza. Trátase dunha zona húmida de grande interese, afectada por diferentes infraestruturas e pola proliferación de especies invasoras, mais que conserva grandes valores naturais e variedade de fauna e flora.

Finalmente, o BNG fai un chamamento á sociedade galega para que defenda este valioso patrimonio colectivo e esixe ao goberno da Xunta, que vaia máis alá de actuación cosméticas e propagandísticas e leva a cabo un ambicioso plan de conservación, protección e rexeneración dos humidais galegos.

O BNG alerta da desprotección dos humidais da comarca de Pontevedra