Pontevedra aproba o proxecto de ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Lourizán
Pontevedra, 21 de xuño de 2021. O Concello de Pontevedra vén de aprobar esta mañá un novo proxecto de ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Lourizán cun investimento de 576.982,87 euros. A portavoz municipal, Anabel Gulías, informou que con este proxecto se completa a canalización da rede abastecemento nesta parroquia, e que chegará aos lugares de Os Cunchidos, Rorís, A Meán, A Igrexa, A Gandarela, San Xosé, A Comboa, O Rial, O Rozo, A Sartán, e Os Praceres. Deste xeito, dará servizo a unha poboación de 225 persoas e a 75 vivendas.
Anabel Gulías tamén informou que o prazo de execución desta obra é de 5 meses e que o proxecto ten “certa complexidade” pola cantidade de permisos sectoriais que implica. Así, citou a solicitude de permiso á Axencia Galega de Infraestruturas, á Consellaría de Cultura e Patrimonio debido á existencia de elementos inventariados dentro da zona de afección do proxecto, ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana pola afección da vía de titularidade estatal e tamén á Consellaría de Sanidade por tratarse dunha conexión nova.
Esta ampliación supón un investimento de máis de 575.000 euros e dará servizo aos lugares de Os Cunchidos, Rorís, A Meán, A Igrexa, A Gandarela, San Xosé, A Comboa, O Rial, O Rozo, A Sartán, e Os Praceres
En canto ao investimento por vivenda, explicou que no relativo á ampliación da canzalización deste proxecto de abastecemento corresponde un total de 7.693,10 euros, aos que habería que endadirlle 5.932 euros de proxectos anteriores xa realizados (como por exemplo co convenio de Acuaes) e 4.800 euros de instalacións para a suministración como redes primarias, bombeos ou potabilizadoras. En total a suma de investimento por vivenda sitúase en 18.425,10 euros.
En palabras de Anabel Gulías trátase “dun investimento importante dentro do compromiso que temos de avanzar coas obras de abastecemento e sumidoiros no rural”. Neste sentido, explicou que “temos xa presentados ao redor do 85% dos proxectos, tanto de abastecemento como de saneamento, polo que podemos dicir que no ecuador do mandato estamos xa nunha posición avanzada para ter a práctica totalidade das parroquias de Pontevedra con abastecemento e con saneamento”.
Tamén aproveitou para lembrarlle á veciñanza do rural que “agora é o momento de que soliciten a conexión á rede porque, na maior parte dos proxectos, estamos no proceso de pavimentado das vías, polo que ten un custo moito menor facelo neste intre”. A conexión á rede de abastecemento debe solicitarse a través da empresa concesionaria Viaqua e para distancias menores de 5 metros teñen un custe de 369,49 euros.