Pontevedra activa o procotolo ante a chegada de pellets aos Praceres
Pontevedra, 12 de xaneiro de 2024. Os primeiros pellets de plástico, detectados pola policía local, chegaron xa á praia da Posta, no Cabo -Os Praceres-, informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.
Unha vez detectados,o concello de Pontevedra chamou inmediatamente ao 112 e enviou un correo electrónico á dirección que determina o Plan de continxencia que ten activado a Xunta de Galiza, ademais de comunicalo a Presidencia e ás consellerías de Medio Ambiente e de Mar.
“Puxémonos á disposición da Xunta e estamos á espera de que nos mande a información ou as instrucciones necesarias para actuar. Solicitámoslle apoio para a limpeza xeral das praias, neste caso a que está afectada”, indicou Eva Vilaverde.
O Concello de Pontevedra activou un protocolo que determina que Protección Civil controlará os tres areais: A praia da Posta, e as fluviais de Ponte Sampaio e Monte Porreiro, e no caso de ter recoller os pellets farase “en base aos protocolos que temos en colaboración coa APDR, que é a entidade que se encarga de coordinar o voluntariado que se poida achegar á cidade”.
O protocolo eparticipan a Policía Local, Protección Civil, o Servizo de xestión e recollida de residuos municipais e as brigadas operativas.
Paralelamente, o Concello de Pontevedra estase a poñer en contacto coas entidades que teñen relación directa co litoral como a Confraría de pescadores de Lourizán, a Confraría de pescadores de Arcade, o Club de Piraguismo Río Verdugo, o Club de Piraguismo Cidade de Pontevedra, o Club Naval de Pontevedra ou o Club Sapo.
Eva Vilaverde afirmou que “somos un concello que non é de praias e as praias son pequerrechiñas. Pensábamos que non chegarían pellets ou que tardarían un pouquiño máis, pero por desgracia xa apareceron hoxe. Pero en todo caso, si somos un concello do litoral e este tipo de ecosistemas deben ter especial cuidado e protección por parte das administracións. O Concello así o entende e está encima; e esperemos que a Xunta actúe en consecuencia e de maneira responsable”.