O BNG reúnese con persoal sanitario en Pontevedra para propoñer un reforzo da Atención Primaria cun plan de choque de 200 millóns
Pontevedra, 12 de xaneiro de 2024. O parlamentario do BNG Luís Bará reuniuse hoxe con persoal médico, de enfermería e técnico de Atención Primaria e Hospitalaria en Pontevedra para falar “da situación crítica da sanidade galega logo das privatizacións e recortes do goberno do PP na Xunta” e propoñer actuacións de mellora que o grupo nacionalista considera imprescindibles. O representante do Bloque defendeu a urxencia dun plan de choque de 200 millóns de euros e medidas estruturais a medio prazo para reforzar a Atención Primaria, “que é o corazón do sistema sanitario e debe ser coidada ao máximo”, así como diversas iniciativas para a Atención Hospitalaria.
O nacionalista salientou que o sistema sanitario galego está ao límite, algo que se demostra nestes días co colapso nas urxencias polo pico da gripe e outras enfermidades respiratorias. Subliñou que a situación “non é puntual nin conxuntural”, senón resultado de 15 anos de políticas premeditadas e planificadas de deterioro e desmantelamento do sistema sanitario público galego, que é o cuarto na cola en investimentos por habitante, segundo os datos de Airef.
Insistíu en que “o desleixo” da Xunta de Galicia ten consecuencias prácticas para a poboación, xa que supón que milleiros de galegas e galegos agarden semanas para ter unha cita en Atención Primaria; que milleiros de nenas e nenos estean sen pediatra, que haxa máis de 400 persoas en listas de agarda hospitalaria, que 270.000 agarden pola primeira consulta hospitalaria, outras 47.000 por intervención cirúrxica, ou que 119.000 estean pendentes de probas diagnósticas, ademais de miles de persoas en listas non estruturais, pendentes de consultas sucesivas, seguimentos e tratamentos (moitas de oncoloxía). Subliñou tamén a fuga de profesionais, a drenaxe de recursos e de doentes á privada, ou a situación extrema en saúde mental, cunha taxa de profesionais moi por debaixo da taxa do Estado.
Para dar resposta “a esta situación dramática”, Bará puxo sobre a mesa diferentes propostas do BNG. Nun primeiro plano, o nacionalista falou da Atención Primaria, sinalando que dende o goberno o BNG porá en marcha un plan de choque de 200 millóns de euros e un plan de medidas estruturais a medio prazo, co obxectivo de que o 25% do investimento sanitario sexa para Atención Primaria, de acordo coas recomendacións da OMS (actualmente está por debaixo do 12%).
O BNG considera imprescindible tamén o incremento do persoal sanitario nos centros de saude e PACs, e a mellora das súas condicións laborais e salariais; o aumento das prazas de formación, nomeadamente no que se refire a pediatría e medicina de familia; a evolución do modelo de Atención Primaria cara un modelo integral dotando prazas de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, nutrición, podoloxía ou óptica; e a recuperación das xerencias de Atención Primaria nas áreas sanitarias, entre outras medidas.
Para a Atención Hospitalaria, Bará propuxo un plan de actuación urxente para reducir as listaxes de agarda e dotar o sistema de máxima transparencia; aumentar a dotación de HADO, especialmente en zonas rurais; reverter as privatizacións de servizos sanitarios; poñer en marcha un Plan de atención integral á saúde das mulleres e tamén un Plan Galego de Saúde Mental e un Plan de prevención do suicidio.
Galiza, cuarta pola cola
Bará puxo os datos sobre a sanidade galega enriba da mesa ante as e os representantes sanitarios. Subliñou que o investimento en sanidade reduciuse en 2.193.000 millóns de euros desde 2009 e destacou que, en concreto, o investimento en Atención Primaria en Galiza é do 11,79% fronte ao 14,17% da media estatal, sendo o gasto sanitario xeral por habitante en Galiza inferior á media estatal.
Cos datos de 2022 na man, explicou Bará, “a Galiza é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante. O gasto fica en 1.691 euros ao ano por persoa, o que supón 37 euros por baixo da media estatal (1.728 euros por residente), segundo os últimos datos do organismo Airef”.
Apuntou tamén que non se fixo previsión sobre a perda de profesionais por xubilacións e fixo fincapé no maltrato ao persoal sanitario con temporalidade, precariedade, e explotación laboral. Como exemplo, citou a temporalidade da Enfermaría, que supera o 50% en todas as áreas sanitarias agás na pontevedresa, onde queda a só dúas décimas (49,8%), e alcanza a máxima porcentaxe na da Coruña-Cee, con máis do 53% e máis de un punto por riba da media de Galicia, que se sitúa no 51,8%.
Bará non quixo deixar atrás que a planificación da formación (MIR) non responde ás necesidades do sistema (numerosas pasos sen cubrir en Atención Primaria) e a gran cantidade de transferencias de recursos á sanidade privada.